Lara Méndez mobiliza 12 millóns de euros para atraer a Lugo empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental

A rexedora anuncia que creará un fondo público emprendedor para participar en sectores que “consideramos estratéxicos no noso modelo de cidade, de vangarda e sostible”

É a maior contía que o Concello pon a disposición de pequenas e medianas iniciativas en toda a súa historia para impulsar e diversificar o tecido empresarial e produtivo de Lugo

A alcaldesa sostén que “ante a incerteza, eliximos crear esperanza impulsando transformacións. Ser tan dependentes do sector servizos nos dificulta aguantar e crecer”

A Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, estará aberto á participación doutros investidores, tanto públicos como privados

Luns, 16 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mobiliza 12 millóns de euros para atraer a Lugo empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou hoxe o lanzamento da Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que mobilizará 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, atraer empresas e crear emprego sostible. A rexedora lucense explicou que é a maior contía destinada polo Concello en toda a súa historia para diversificar a economía do municipio, “hoxe moi dependente do sector servizos”.

“É o momento de ser realmente ambiciosos e potenciar e reorientar o tecido empresarial e produtivo de Lugo, apostando por radicar no municipio sectores vinculados ás señas de identidade e a marca que Lugo está a asentar dentro e fóra de Galicia: unha cidade que quere estar na vangarda da economía verde e circular, unha cidade amigable e acolledora, pero tamén moderna, innovadora e tecnolóxica”, avanzou.

A rexedora reflexionou sobre a recesión económica global, “á que Lugo non é allea, nin aos problemas sociais derivados da emerxencia sanitaria. Tampouco estamos á marxe do medo e da ansiedade que acompañan esta situación, que xera estados de fonda preocupación e de crispación na veciñanza nun momento de gran vulnerabilidade”. Pero, afirmou: “Debémolo dicir alto e claro, fronte ás incertezas, Lugo non pode permitirse caer no abatemento e, por iso, eliximos xerar esperanza e dar novos pasos co obxectivo de afrontar a crise como unha oportunidade que permita unha transformación real social e económica da cidade”.

Neste senso, incidiu que “a recuperación económica, a xeración de riqueza e o inicio do cambio de modelo de cidade será unicamente posible na medida en que acometamos un potente programa de inversión pública que atraia empresas, e farémolo abandeirando a idea e fixando as pautas do que queremos que sexa Lugo nun futuro mediante a toma de participación naqueles sectores que para nós son estratéxicos”.

Sectores estratéxicos

A Estratexia Lugo Transformaarticularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.

“Falamos de enerxías limpas e sostibles, de bioeconomía circular, biotecnoloxía, farmacia, novas tecnoloxías, servizos avanzados á industria e I+D+i, entre outros, quedando excluídos os sectores inmobiliario e financeiro”, comentou a rexedora”.

Lugo xoga, ademais, cunha importante vantaxe, segundo Lara Méndez, “que á e proxección que lle están a aportar, tanto en Galicia como fóra da comunidade, os proxectos que temos en marcha a través do LIFE Lugo+Biodinámico cos que estamos a deseñar as cidades de futuro, co apoio europeo e das Universidades, sendo un exemplo do cambio de paradigma construtivo a modelos sostibles. Non é un tema menor se temos en conta que as axudas de reconstrución marcadas por Europa van a priorizar os proxectos vinculados coa transición ecolóxica e a dixitalización, é dicir, na senda onde estamos a traballar na cidade desde hai anos”.

A alcaldesa de Lugo incidíu na importancia da transformación e diversificación económica, “porque o éxito deste proceso tamén redundará no mantemento do sector terciario e de servizos”. Aseverou que as consecuencias desta pandemia “nos obrigan a reflexionar sobre o noso futuro. Estamos a ver que Lugo non resistirá nin esta nin outra nova pandemia ou crise se o seu PIB e os postos de traballo seguen a depender de xeito tan importante do sector servizos, sen outras alternativas”.

Lembrou, neste senso, que o Goberno local acaba de aprobar 1,7 millóns de euros nun Plan de Acción para desenvolver no vindeiro ano actuacións dinamizadoras da hostalaría e o comercio, “sustento clave da nosa cidade e da economía de proximidade e, por tanto, os que dan vida aos nosos barrios e que se inclúen entre os sectores que máis están a  sufrir as consecuencias da pandemia. Pero non é suficiente, por iso lanzamos esta nova Estratexia Lugo Transforma”.

O Concello aposta por este tipo de fondos de emprendemento, que son moi apoiados no ámbito da Unión Europea porque, por unha banda, permítelle ás empresas o acceso ao financiamento de iniciativas que terían dificultades para acudir a recursos de fontes financeiras tradicionais e, por outra, pola  rendibilidade xerada e a súa contribución ao crecemento económico xa que as empresas participadas son as que en maior medida melloran a súa solvencia e capacidade para obter financiamento privado, presentan un maior rigor na súa xestión, invisten máis en I+D+I e crean máis emprego de calidade.

E dicir, é unha ferramenta útil para contribuír ao financiamento a longo prazo das pequenas e medianas empresas que lles permita consolidar o proxecto e localizar sinerxías nacionais e internacionais, xerando, ademais, unha razoable rendibilidade a longo prazo para o Concello, sen excluír a colaboración do resto de instrumentos de financiamento privados ou públicos existentes con incidencia na cidade.

A xestión deste fondo, que estará aberto á participación doutros investidores, tanto públicos como privados, sacarase a licitación para que se rixa de acordo coa estratexia de investimento exposto na proposta técnica que elabore o Concello, que o liderará en todo momento.  “Cada decisión de investimento estará supeditada á súa inclusión nalgún dos sectores que se definan no contrato, sectores que xa citamos, e a súa aprobación final dependerá do comité de investimentos que se cree a tal efecto”, sostivo a rexedora.

Os 12 millóns de euros que se movilizarán para esta transformación deberán ser aprobados en Pleno a través dunha modificación de crédito xa que proceden dos remanentes municipais. O Goberno local espera levalo próximamente a un Pleno Extraordinario.

Medidas pioneiras

A alcaldesa contextualizou na rolda de prensa a necesidade dos Gobernos locais de adiantarse na posta en marcha de medidas para previr as consecuencias da pandemia e lembrou que Lugo

xa liderou na primeira onda do mes de marzo, cando, desde o primeiro día do Estado de Alarma,  centrou os esforzos na saúde e no coidado dos cidadáns, así como en procurar inxectar liquidez tanto nas economías familiares como no tecido empresarial.

Entre elas, Lugo foi o primeiro en España en dotar, e logo en pagar, unha liña de axudas directas co Plan Reanima para facer fronte aos danos que xa era sabido se ían xerar nas pequenas e medianas empresas, nos autónomos e nas familias, “axudas directas polas que agora aposta aá Xunta de Galicia”. Lugo tamén foi o primeiro en implementar solucións para que os contratistas municipais non tivesen que acudir a expedientes de regulación de emprego, co conseguinte dano para os seus traballadores e as súas  familias.

Paralelamente, arbitrou medidas de exención de taxas e impostos ata o marxe legalmente establecido, facilitouse o uso de espazos públicos á hostalaría como un dos máis afectados pola crise, impulsouse a formación, o asesoramento e a dixitalización dos sectores e activouse campañas de reactivación económica nos barrios, por citar algunhas das medidas máis destacadas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os Fondos para Emprendedores (1) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os Fondos para Emprendedores (2) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os Fondos para Emprendedores (3) | Descargar mp3

Noticias relacionadas