Benestar Social abre unha canle de youtube para trasladar as actividades aos maiores de Lugo con maior seguridade

Os contidos da zona ‘Acompañámoste’ foron elaborados polos monitores do servizo de animación tras estudar as necesidades das e dos usuarios dos centros de convivencia

“É unha iniciativa máis para atender a este colectivo xa que a nosa área foi unha das primeiras que reforzamos dende o inicio do Estado de Alarma”, explica a edil Olga López

Incluirá actividades físicas, de expresión corporal e plástica, alfabetización dixital, de estimulación cognitiva e de educación compensatoria, entre outras

Martes, 19 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar Social abre unha canle de youtube para trasladar as actividades aos maiores de Lugo con maior seguridade

O goberno de Lara Méndez, dende a área de Benestar, Inclusión e Terceira Idade, pon a disposición das persoas maiores de Lugo a canle ‘Acompañámoste – Actividades Centros de Convivencia’ en youtube. “Está aberta a todo o público, a idea é que a maior parte das actividades que estaban a realizar os usuarios e usuarias nos Centros de Convivencia de maneira presencial se sigan a facer dende de forma telemática a través da web do Concello de Lugo, onde se habilitará un enlace de acceso de todas as sesións e contidos de alta calidade publicados en youtube” explica Olga López, concelleira responsable da área.

A edil explica que “a duración dos vídeos oscilará en función da actividade a levar a cabo para que o usuario poda gozar dunha sesión na súa casa de 45 minutos, como era habitual antes de que se decretara o estado de alarma”. Todas as semanas a canle renovarase con novo material.

Os contidos foron elaborados polos monitores do servizo de animación logo dunha fase de estudo, segundo as necesidades e demandas dos usuarios dando prioridade ás tipoloxías de:

  • Actividades físicas: Destinadas a ofertar unha alternativa para combater o sedentarismo consecuencia da situación actual de confinamento dende a seguridade do fogar. Dentro deste área, impartiranse diferentes actividades entre as que se atopan clase de pilates, aerobic latino, bioximnasia ou diferentes niveis de ximnasia de mantemento orientadas tanto aos colectivos máis desenvoltos como aos grupos de persoas con máis diversidade funcional.
  • Actividades de expresión corporal: Combinan o carácter recreativo co exercicio físico moderado. Pretenden ser unha alternativa de ocio e desfrute para practicar individualmente ou en parella durante o confinamento. Nesta área temos clases de bailes latinos e bailes de salón.
  • Actividades expresión plástica: Pretenden brindar á cidadanía unha oferta de actividades plásticas e de expresión artística pensadas para poder ser desenvoltas con materiais sinxelos e que podamos atopar nos fogares. A programación inclúe un obradoiro de fotografía con smartphone, un obradoiro de decoupage non que as persoas que o sigan aprenderán a decorar obxectos domésticos con esta técnica para darlles unha segunda vida, clases de pintura ao óleo, un obradoiro de pasta de papel no que se ensinará a facer diferentes elementos decorativos para o fogar ou obradoiros de traballos manuais nos que se introducirán diferentes técnicas plásticas.
  • Área de alfabetización dixital: Obradoiro de iniciación ás novas tecnoloxías orientado a estreitar a fenda dixital existente na poboación de maior idade. Neste taller as persoas participantes familiarizaranse cos recursos que as novas tecnoloxías brindan de cara a mellorar o  seu día a día.
  • Actividades de estimulación cognitiva: Procurando non romper co traballo que se ven facendo na rede de Centros de Convivencia Municipais, pola saúde cognitiva das persoas maiores, ofreceranse unha serie de obradoiros de traballo online con vídeos de exercicios e materiais didácticos descargables para exercitar a mente e a memoria. Estas propostas adaptadas en diferentes niveis serán as que se traballen nas clases de memoria e envellecemento activo.
  • Educación compensatoria: Obradoiros de apoio escolar, castelán para estranxeiros ou coñecementos socioculturais de España a través dos que o alumnado poderá seguir avanzando nos seus contidos educativos por medio das propostas didácticas que as educadoras do programa lles realicen.
  • Outras habilidades: Obradoiros destinados a desenvolver diferentes capacidades entre as que se atopan os talleres de hortas e xardíns de balcón no que o alumnado coñecerá como instalar e atender pequenos hortos nos balcóns das casas; ou o obradoiro de estratexias emocionais para o confinamento, actividade que procura achegar recursos e técnicas que nos axuden a acadar unha xestión emocional eficiente durante o confinamento.

“Ista é unha iniciativa máis, xa que a atención a este colectivo foi unha das primeiras áreas que reforzamos dende que se iniciou o Estado de Alarma, tendo en conta non só a atención das súas necesidades sanitarias, de alimentación ou de pagos ao que facer fronte, senón tamén afectiva e de tranquilidade e satisfacción”, destaca Olga López.

A área de Benestar intensificou o contacto directo co colectivo de maiores de 65 anos, a través das persoas dinamizadoras dos centros cívicos “É especialmente importante dar cobertura a estas persoas, tanto desde o punto de vista asistencial como emocional” sinala a edil e lembra as liñas telefónicas ás que poderán seguir chamando:

  • 982297455
  • 982297458
  • 982297505
  • 982297460

A concelleira de Benestar agradece o traballo levado a cabo polo persoal da área que dirixe, que nas últimas semanas viu incrementadas as súas tarefas, e destacou “o esforzo e cariño que están poñendo día tras en todo o traballo que realizan”.

Noticias relacionadas