A área de Turismo presenta o ciclo de visitas guiadas Paseos ó Solpor

Maite Ferreiro: “será un ciclo de 6 visitas guiadas á cidade por lugares alternativos aos circuítos turísticos tradicionais”

As visitas serán gratuítas, máis precisarase de inscrición previa na Oficina Municipal de Turismo

Martes, 07 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Turismo presenta o ciclo de visitas guiadas Paseos ó Solpor

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou o novo ciclo de visitas guiadas Paseos ó Solpor, organizadas pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua en colaboración co guía turístico Guido Álvarez. Maite Ferreiro informou que “se trata de seis visitas guiadas por lugares alternativos aos percorridos turísticos tradicionais”.

”Desde a área de Turismo pretenden achegar unha nova visión de Lugo a través de paseos por zonas pouco masificadas que permitan a contemplación de paisaxes que non están explotados turisticamente”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “trátase de lugares que teñen un especial encanto pola súa historia, a beleza da contorna ou o valor artístico e cultural do territorio”.

As visitas guiadas realizaranse os días 10 e 17 de xullo, 14 e 28 de agosto e 11 e 18 de setembro ás 19 horas. O punto de partida será o busto de Rosalía de Castro, á entrada do Parque. Maite Ferreiro informou que “a actividade é gratuíta máis será preciso anotarse previamente na Oficina Municipal de Turismo para controlar a cabida de cada visita, limitada a 24 persoas”. A edil de Cultura lembrou da obligatoriedade de utilizar máscara durante a actividade e de cumplir co resto de indicacións que emitan as autoridades sanitarias.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o ciclo de visitas guiadas Paseos ó Solpor | Descargar mp3

Noticias relacionadas