A alcaldesa de Lugo preside o acto institucional con motivo do Día de Europa

Domingo, 09 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo preside o acto institucional con motivo do Día de Europa

O Concello de Lugo festexou hoxe o Día de Europa cun acto institucional presidido polo Alcaldesa de Lugo, no que tamén participaron representantes da corporación municipal.

No transcurso do mesmo, a rexedora procedeu á lectura do manifesto, escoitouse o himno europeo e procedeuse ao izado da bandeira diante da Casa Consistorial, como símbolo de achegamento e hermanamento de todos os pobos da Unión Europea.

Ao longo de toda a mañá tiveron lugar un amplo ábano de actividades nas que se incluíron sesións de música e baile en directo, obradoiros para os nenos e nenas, así como un circuíto de bicicletas eléctricas instalado na propia praza e sorteo de agasallos.

Os asistentes tamén puideron achegarse ás mesas informativas sobre os proxectos do Concello financiados con fondos europeos, especialmente a estratexia Edusi, denominada Muramiñae:da Muralla ao Miño, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do LIFE Lugo + Biodinámico proxecto de 3,5M€ financiado con fondos europeos que conseguiu o Goberno do Concello e grazas ao que está a desenvolver novidosas iniciativas en favor dun urbanismo sostible.

Manifesto:

“Lugo celebra, como cada 9 de maio, o Día de Europa, xornada na que lembramos á Declaración de Robert Schuman coa que en 1950 se daba o primeiro paso cara a construción da Unión Europea actual.

Esta declaración naceu froito dunha gran convicción: Europa non podía atravesar máis catástrofes políticas nin económicas senón que as nacións que a integraban debían traballar conxuntamente co obxectivo principal de servir á paz e á solidariedade.

No día de hoxe, as e os lucenses renovamos este compromiso cos valores europeos lembrando que grazas aos avances que se deron vivimos os maiores períodos de harmonía entre os Estados europeos, logramos superar boa parte dos antagonismos históricos entre os pobos, acadamos os maiores crecementos económicos e de benestar social, camiñamos cara a igualdade e reforzamos as nosas democracias e os dereitos cidadáns.

Europa foi capaz, cos seus fallos e os seus acertos, de superar depresións e dificultades, pero, á marxe dos innegables progresos, non debemos baixar á garda xa que estamos a atravesar o trance máis crítico dende a creación deste proxecto.

A pandemia internacional do coronavirus supuxo un exame para todos: as organizacións, os Estados e a cidadanía porque obrigounos a afrontar unha situación sen precedentes na etapa contemporánea, crise sanitaria para a que non tiñamos preparación específica nin ferramentas para frear desde o primeiro minuto. A covid 19 supón pasar un exame moi difícil porque entran en xogo vidas humanas.

Nesta crise, que derivou nun shock social e económico, Europa actuou con maior valentía que noutras que lle precederon, mobilizando recursos e activando instrumentos concibidos para impulsar a recuperación cos maiores paquetes de estímulo xamais financiados.

Cunha resposta adecuada, temos a oportunidade de sentar as bases que configurarán o proxecto europeo durante as vindeiras décadas. O que marcará a diferenza será a velocidade desta recuperación e a medida en que esta sexa inclusiva, evitando deixar legados duradeiros e xente desamparada.

Esta crise a o xeito de afrontala demostra que unha Europa unida e colaborativa é máis necesaria ca nunca.

Dende o Concello de Lugo cremos nunha Europa plural e multicultural, aberta ao mundo, igualitaria, solidaria, integradora e cohesionada porque cremos que só así deseñaremos un proxecto útil ao servizo da cidadanía.

De feito, non podemos entender Lugo sen Europa, que contribuíu á mellora da calidade de vida da veciñanza a través dos fondos achegados nas estratexias que xa se puxeron en marcha e a través das que estamos a desenvolver para habitar nunha cidade máis verde e sostible, máis humana e inclusiva, onde prime a recuperación dos espazos públicos para a cidadanía, o fomento do emprego, a protección e o impulso dos nosos paraxes e dos nosos recursos naturais ou a difusión e coidado do noso patrimonio.

Somos europeístas e cremos que a Unión Europa é unha aposta de valores, de integración e de creación de ámbitos comúns e de decisións para aspectos relevantes para a vida da veciñanza, onde non deben ter cabida extremismos nin exclusións.

É un camiño conxunto de cooperación e colaboración, de unión e de corresponsabilidade.

Debemos seguir construíndo, sen descanso, esta Europa que defendemos. Soamente así seremos capaces de afrontar os retos actuais e todos os que virán.

Feliz día de Europa!”

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo preside o acto institucional con motivo do Día de Europa

Noticias relacionadas