A alcaldesa acada o apoio unánime da Corporación á Estratexia Lugo Transforma

O Pleno Extraordinario celebrado hoxe aprobou a incorporación de 12 millóns de euros de remanentes, que se destinarán a fomentar o emprendemento en sectores estratéxicos, acordes ao modelo de cidade implantado por Lara Méndez

“Traballamos con altura de miras, para colleitar un futuro de oportunidades, do que sentirnos moi orgullosos, porque nos permitirá construír un Lugo mellor para os nosos fillos e fillas”, afirmou a rexedora

Méndez incidiu durante a Sesión en que o Concello liderará a iniciativa en todo momento xa que as decisións que se adopten se supeditarán ao criterio do comité de investimentos creado ao efecto

Venres, 20 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa acada o apoio unánime da Corporación á Estratexia Lugo Transforma

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acadou esta mañá o apoio unánime da Corporación á Estratexia Lugo Transforma.

O Pleno Extraordinario celebrado hoxe aprobou a modificación de crédito para posibilitar a incorporación de 12 millóns de euros, procedentes dos remanentes municipais, que o Concello de Lugo destinará a fomentar o emprendemento en sectores estratéxicos, acordes ao modelo de cidade implantado por Lara Méndez.

“Hoxé é un día importante para a cidade de Lugo – valorou a rexedora. A unanimidade alcanzada ao respecto desta iniciativa debería repetirse en máis ocasións, sobre todo cando o que persegue é a transformación da nosa cidade, a través do tecido económico e para resolver a situación de dificultade que estamos a vivir”.

Lara Méndez incidiu na necesidade de ser conscientes “do contexto social de crise no que nos atopamos, pero no que queremos e debemos ser ambiciosos, para adiantarnos ao devir desta pandemia e ver os camiños que nos abre. Eso é o que persegue esta Estratexia: reverter as consecuencias do Covid e aproveitalo para crecer, xerar emprego e paliar o que se está perdendo, porque a mellor política que podemos levar a cabo é a de evitar que moitas persoas sufran unha situación da vulnerabilidade ofrecéndolles unha oportunidade laboral”.

A alcaldesa sinalou que, pese a non ter competencias na materia “dende o Concello de Lugo queremos ser proactivos e reinventarnos nun momento de incertidume donde a iniciativa o é todo, especialmente cando estes fondos contribuirán a fornecer o noso modelo de cidade, sostible, amable e acolledora, á vangarda do país, que non só ten que ser motivo de orgullo para a toda a Coorporación senón tamén de toda a veciñanza”, declarou.

“Para min xa o é, especialmente se penso na pegada que terá no futuro da miña filla, dos nosos fillos e fillas. Eu síntome moi orgullosa de dar este paso, de traballar con esta altura de miras, agardando que eles tamén poidan recoller mañá os froitos desta iniciativa”.

A rexedora lembrou durante a súa intervención que Lugo Transforma é un fondo pioneiro en Galicia, especialmente dentro do ámbito local, co que se pretende impulsar a creación de pequenas e medianas empresas capaces de diversificar o tecido produtivo local, actualmente moi ligado ao sector servizos.

“Un hándicap que cómpre orientar cara outros eidos como a innovación tecnolóxica, a economía verde e circular, as enerxías limpas e sostibles, a bioeconomía, biotecnoloxía, a farmacia, os servizos avanzados á industria e o I+D+I para seguir avanzando na segunda gran transformación de Lugo iniciada en 2015.

A Estratexia Lugo Transforma articularase a través da entrada temporal do Concello en proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental, quedando excluídos o inmobiliario e o financeiro.

A xestión do fondo, que estará aberto á participación doutros investidores, tanto públicos como privados, sacarase a licitación para que se rixa de acordo coa estratexia de investimento exposto na proposta técnica que, neste intre, xa está elaborando o Concello.

“Un proceso que lideraremos en todo momento xa que a aprobación final das decisións que se adopten se supeditarán ao criterio do comité de investimentos que se creará a tal efecto”, sostivo a rexedora que, durante o Pleno e tamén nas Comisións anteriores, trasladou á oposición que a manterá ao tanto dos avances que se vaian dando ao respecto.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a unanimidade do "Lugo Transforma" | Descargar mp3

Noticias relacionadas