Na tarde do sábado 18 os colectivos que representan distintas épocas e acontecementos históricos protagonizarán un multitudinario desfile pola rúas do centro ata a mosqueira.
A área de Xuventude está a organizar este gran encontro, no que polo de agora van participar unhas 130 persoas pertencentes a máis de 40 grupos, que forman parte da Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas”.
O edil Jorge Bustos sinala que “vai ser unha fin de semana especial, con reunións claves para estes colectivos e cunha maior visibilidade para o Arde Lvcvs polos seus 25 anos”.

A área de Xuventude do Concello de Lugo, que dirixe Jorge Bustos, está a preparar e organizar unha multitudinaria reunión con motivo da celebración en Lugo da asemblea anual da Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas, que integran 61 colectivos de outras tantas festas de recreación de toda España. Os actos comezarán o venres, 17 de abril, coa recepción a estes colectivos no Vello Cárcere, para un día despois celebrar a asemblea anual e un desfile multitudinario polas rúas do centro histórico, que rematará ao pé da mosqueira. Polo de agora está prevista a asistencia de máis de 40 destas asociacións e dunhas 130 persoas de fóra de Lugo, ás que se sumarán as e os integrantes dos colectivos de recreación histórica de Lugo.
O edil responsable da área de Xuventude, que se está a encargar da loxística e da organización deste gran evento, sinala que “vai ser unha fin de semana especial, con reunións claves para estes colectivos; unhas xornadas nas que o Arde Lvcvs e a súa traxectoria de 25 anos van gañar visibilidade”. Ademais, Bustos incide en que “das 61 festas que integran esta asociación nacional, só catro están declaradas como Festa de Interese Turístico Internacional, entre elas o Arde Lvcvs, e iso é algo que temos que poñer en valor. A celebración desta asemblea anual en Lugo, coincidindo precisamente co 25 aniversario da festa castrexo-romana, comezou a fraguarse hai dous anos e nuns días vaise facer realidade todo este traballo que houbo detrás”.
Trala recepción do día 17, no Vello Cárcere, chegará a quenda para a xornada principal deste evento, coa celebración da asemblea anual ordinaria desta organización, que terá lugar no salón regio do Círculo das Artes. Alí trataranse aspectos como o balance anual de actividades realizadas, a asistencia a eventos, a ratificación de novas festas que se incorporan á AEFRH, o balance económico ou a celebración dunha conferencia, entre outros actos. Unha vez rematada a ordinaria, terá lugar unha asemblea extraordinaria, cun punto esencial na orde do día, como é a elección da nova xunta directiva para outros catro anos.
Pola tarde terá lugar un dos actos lúdicos máis importante da fin de semana, co desfile multitudinario polas rúas da cidade e con final na mosqueira, que contará coa participación de decenas de grupos en representación de máis de 40 festas de recreación de toda España, das 61 que figuran como socias da AEFRH. Irán colocados seguindo unha cronoloxía ascendente, cos colectivos máis antigos primeiro, como os das festas iberas, que recrean a historia desde o século VI a.c. ao século I d.c ata as festas contemporáneas, como a da Reconquista da Vila de Vigo, que recrea o alzamento popular en 1809 que logrou a expulsión do exército de Napoléon, ou a que se celebra en Jaén, e que lembra o apresamento do xeneral Riego en Arquiles, en 1823.
En definitiva, entre estas épocas estarán representadas festas que recrean distintos acontecementos do Medievo, do Renacemento e tamén do Barroco. Ás máis de 40 festas que se prevé que participen neste desfile, sumaranse as e os integrantes dos distintos colectivos de recreación histórica de Lugo. Ademais deste desfile polo centro da cidade, a xornada contará con diferentes espectáculos de animación da rúa.
A área de Xuventude está a preparar este evento, que por segunda vez se celebra na cidade de Lugo, mediante a organización e a loxística das diferentes actividades, adecuación de instalacións municipais, contactos co sector da hostalería para facilitar o aloxamento ás máis de 130 persoas inscritas ata a data e traslados en autobuses á cena de gala e retorno á cidade. Precisamente, esta cena de gala será tamén un dos actos máis sobresaíntes da fin de semana, xa que todas e todos os asistentes irán ataviados con vestimenta de época. Ademais, haberá diversos espectáculos de recreación histórica para amenizar a velada.

