No Vello Cárcere deuse á benvida aos máis de 130 integrantes destes colectivos, que sumaranse ao desfile de mañá polo centro da cidade, xunto a outras 150 persoas das asociacións de recreación histórica de Lugo.
Miguel Fernández salienta que “coa representación das máis de 40 festas nacionais imos darlle unha maior visibilidade ao Arde Lvcvs no ano no que celebramos o 25 aniversario”.
Na tarde de mañá os colectivos que reproducen distintas épocas e acontecementos históricos protagonizarán un multitudinario desfile polo centro ata a Praza de Santa María.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu esta tarde aos máis de 130 integrantes de distintos colectivos, que forman parte de Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (AEFRH), que celebrará esta fin de semana na cidade de Lugo a súa asemblea anual. O Vello Cárcere recibiu aos integrantes de ditas festas, aos que o rexedor lucense deu a benvida e amosou o seu agradecemento por estar en Lugo e “contribuír a un fin de semana tan especial, no que supón un preámbulo perfecto para celebrar os 25 anos do Arde Lvcvs”. Ademais, deu as gracias á directiva da AEFRH por pensar en Lugo para a celebración desta asemblea anual e sinalou ao respecto que “imos reunir na nosa cidade a algunhas das festas máis importantes de recreación histórica do noso país e farémolo nun ano moi significativo para nos”.
Precisamente o concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, explicou que “das 60 festas e recreacións históricas que integran a AEFRH, veñen a nosa cidade un total de 41, o que da unha idea da magnitude deste evento”. A súa vez, estas 41 festas estarán representadas por máis de 130 persoas, que se sumarán ás 150 procedentes das asociacións de recreación histórica de Lugo. Jorge Bustos lembra que “as persoas dos colectivos de fóra como as de Lugo van protagonizar un desfile multitudinario polas rúas do centro da cidade, que rematará na Praza de Santa María, e que estamos seguros vai ser inesquecible”.
Precisamente, o alcalde de Lugo se referiu na súa benvida ao percorrido do desfile, no que poderán desfrutar “do rico patrimonio histórico artístico da cidade, xa que transitaredes por rúas próximas á muralla, á mosqueira, á Catedral ou á Praza de Santa María, onde rematará. Tamén falou do Vello Cárcere, onde foron recibidos, un presidio durante a Guerra Civil e a postguerra que hoxe está reconvertido en centro cultural, espazo para o recordo e a punto de ser declarado Lugar de Memoria democrática, ou do Círculo das Artes, onde terá lugar a asemblea anual de mañá sábado”. Neste sentido, Miguel Fernández, salientou que “como veredes, desde Lugo despregamos o mellor da nosa historia e do noso patrimonio para acoller esta asemblea e a todos e todas as integrantes da AEFRH”.
Entre as 60 festas e recreacións históricas que integran esta asociación nacional, as que representan os acontecementos históricos máis antigos corresponden á época íbera, do século VI a.c. ao século I d.c ata á Festa da Reconquista da Vila de Vigo, a máis recente na historia, das que están integradas na AEFRH. Entre ambas estarán representadas festas que recrean distintos acontecementos do Medievo, do Renacemento e tamén do Barroco, por citar algúns.
O edil de Xuventude, área da que depende a organización do Arde Lvcvs, lembra ademais, que “de entre as 41 festas que estarán en Lugo, non faltarán á cita coa asemblea nacional e co desfile histórico, os outros tres eventos, que xunto ao Arde Lvcvs, están declarados como Festas de Interese Turístico Internacional: Carthagineses y Romanos, de Cartagena; as Guerras Cántabras, en Los Corrales de Buelna, en Cantabria; e a última en acadar esta distinción, as Bodas de Isabel de Segura, de Teruel”.
A xornada de mañá comezará coa celebración da asemblea anual ordinaria desta organización, que terá lugar no salón regio do Círculo das Artes. Alí trataranse aspectos como o balance anual de actividades realizadas, a asistencia a eventos, a ratificación de novas festas que se incorporan á AEFRH, o balance económico ou a celebración dunha conferencia, entre outros actos. Unha vez rematada a ordinaria, terá lugar unha asemblea extraordinaria, cun punto esencial na orde do día, como é a elección da nova xunta directiva para outros catro anos.
Percorrido do desfile
Pola tarde terá lugar un dos actos lúdicos máis importante da fin de semana, co desfile multitudinario polas rúas da cidade e con final na Praza de Santa María, que contará coa participación de decenas de grupos en representación de 41 festas de recreación de toda España, das 60 que figuran como socias da AEFRH. Irán colocadas seguindo unha cronoloxía ascendente, cos colectivos máis antigos á cabeza do desfile, que comezará ás 19.00 horas. O punto de encontro para as asociacións de fóra de Lugo será ás 18.45 horas, na Praza Horta do Seminario, mentres que as asociacións de Lugo reuniranse á mesma hora, pero na rúa Bispo Aguirre. De alí partirán cara á Praza Maior para desfilar polas rúas Conde Pallares, Praza Armanyá, Praza da Soidade, Antón Fraguas, Praza Santo Domingo, rúa da Raíña, Praza Maior, Campo Castelo, cantóns da Praza Maior e rematar na Praza de Santa María.
Unha vez rematado o desfile haberá unha cea de gala, á que as e os asistentes acudirán coas vestimentas de época, que terá lugar na Fortaleza.

