O 54º Desfile do Traxe Galego, a XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega e a ofrenda floral a Rosalía de Castro, que realizará Sandra Piñeiro, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, centran unha xornada dedicada ás raíces e á identidade galegas.
O San Froilán celebra este domingo, 11 de outubro, o Domingo das Mozas, unha das xornadas máis emblemáticas das festas, dedicada á exaltación do traxe galego, da cultura propia e da música tradicional. A programación reúne desfiles, actuacións musicais e actividades que poñen en valor as tradicións galegas e a súa transmisión entre xeracións.
A mañá comezará ás 11:00 horas co 54º Desfile do Traxe Galego, na praza Maior, coa participación de Traxandaina e Cántigas e Frores. Á mesma hora, o parque Rosalía de Castro acollerá o San Froilán Tecedeiro, cunha mostra artesanal e un obradoiro de construción de pezas artísticas con materiais autóctonos, mentres que a praza da Mosqueira celebrará a Feira de Antigüidades e Coleccionismo e a carpa do Cantiño Nemesio Cobreros acollerá Expolugo, dedicada ás razas autóctonas de Galicia.
A música tradicional percorrerá o recinto histórico desde as 11:30 horas coa XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Participarán Os Mecos de Ogrobe, Turoqua, Zanfoneiros da Tradescola, Lembranzas do Tambre, Arume de Boiro, Lubicáns, Xente Nova de Ferrol, Axeigo, Pandereteiros de Cántigas e Frores e Os Mersenarios. As actuacións desenvolveranse pola mañá, de 11:30 a 14:00 horas, e pola tarde, de 17:00 a 18:00 horas.
Ás 12:00 horas terá lugar no parque Rosalía de Castro a ofrenda floral a Rosalía de Castro, que realizará Sandra Piñeiro, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, acompañada pola actuación do coro de Cántigas e Frores. A homenaxe á escritora galega reforza o vínculo desta xornada coa lingua, a cultura e a identidade propias.
A programación musical continuará ao mediodía coa Banda Xuvenil das Escolas Mancomunadas da Terra Chá, ás 12:30 horas no patio do Edificio Administrativo do Concello; Claustro Música, ás 13:00 horas no parque Rosalía de Castro, e Airiños de Orbazai, tamén ás 13:00 horas na praza de Santa María.
Pola tarde, a música tradicional seguirá presente coa actuación de Bouba Pandeireteiras, ás 18:30 horas na praza de Santa María, e Os Carunchos, ás 20:00 horas no mesmo espazo, ambas as dúas dentro da Mostra de Música Tradicional Galega. Ás 18:30 horas, o patio do Edificio Administrativo acollerá tamén o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Entre as propostas para diferentes públicos figuran O Xogar de Breogán, con Bico de Toupa, desde as 17:00 horas no patio do Edificio Administrativo; o Festivaliño Xacobeo On The Road, no parque do Sagrado Corazón, e a visita guiada ao cemiterio de San Froilán da man dos Pelúdez, ás 17:30 horas.
A xornada completarase coas actuacións de David Prado, ás 18:00 horas na Horta do Seminario; a asociación cultural Camiño Primitivo de Baleira, ás 19:00 horas no marco de X Cultura e Tradición no Camiño, e Os Pelúdez entre nós, ás 19:30 horas na zona dos viños.
Xa pola noite, a praza de Santo Domingo acollerá o Electronic Lucus Fest desde as 20:00 horas, a praza Maior celebrará a verbena coa Orquestra Suavecito ás 20:30 horas e a Horta do Seminario recibirá ás 22:00 horas o concerto de La Penúltima Sabinera. A partir das 23:00 horas, a charanga Mekanika Rolling Band percorrerá a rúa Nova, Cruz, a praza do Campo e a Tinería.

