
Nico Adega é vixente campión do Mundo e de Europa de maratón KL3, mentres que Alejandro Pérez asinou unha destacada tempada internacional en categoría júnior
Lugo, a xx de agosto de 2026.- A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, recibiron a Nicolás Martínez Adega e a Alejandro Pérez, palistas do Club Fluvial de Lugo, para recoñecer os seus últimos éxitos deportivos.
Nico Adega, especialista en paracanoe na categoría KL3, proclamouse campión do Mundo de maratón en 2025 en Győr, Hungría, e campión de Europa da mesma modalidade o pasado 26 de xuño de 2026, en Pitesti, Romanía. Compite ademais en KL3 200 metros e este ano participou coa selección española no Campionato de Europa de Sprint e Paracanoe de Montemor-o-Velho.
A súa traxectoria deportiva está marcada tamén por unha importante historia persoal de superación. Aos sete anos diagnosticáronlle un osteosarcoma na perna dereita e tivo que afrontar un longo proceso médico con numerosas intervencións e tratamentos. O piragüismo adaptado converteuse despois nunha nova vía deportiva que o levou ata a elite internacional.
Na recepción estivo tamén Alejandro Pérez, palista júnior do Club Fluvial de Lugo, que en 2026 conseguiu dúas medallas de prata no Mundial Júnior de Halifax, en C4 500 e C2 500, e un bronce no Europeo de Szeged en C2 500.
A alcaldesa e o concelleiro de Deportes felicitáronos polos seus éxitos e trasladáronlles unha mensaxe clara: Lugo está orgulloso deles e o Concello quere seguir ao seu carón, apoiando o seu talento, o seu esforzo e a súa proxección deportiva.

