Elena Candia afirmou que “este proxecto exemplifica o modelo de cidade que impulsa o Goberno municipal: un Lugo que aposta pola colaboración institucional, que coida das persoas, promove a solidariedade entre xeracións e reforza a súa identidade como cidade universitaria.

A alcaldesa de Lugo mantivo unha reunión de traballo co vicerreitor do Campus de Lugo, Roberto Bande, e coa vicerreitora de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar da Universidade de Santiago de Compostela, Lorena Añón, para coñecer os detalles do proxecto de convivencia interxeracional, unha iniciativa que impulsa a Universidade de Santiago. Elena Candia avanzou que o Concello apoiará este proxecto destacando que “iniciativas como esta reforzan o posicionamento de Lugo como unha cidade comprometida coa universidade e co benestar do estudantado” e máis indicou que “se estudarán fórmulas para colaborar con outras propostas que quere impulsar a Universidade para reforzar a estrutura de benestar do Campus de Lugo”.
O programa de convivencia interxeracional ten como finalidade favorecer a convivencia entre persoas maiores e estudantes universitarios, ofrecendo unha alternativa de aloxamento baseada na axuda mutua e na solidariedade interxeracional.
Esta iniciativa busca dar resposta ás dificultades de acceso á vivenda que afrontan moito do estudantado que vén de fóra do municipio para estudar no noso campus; ao tempo esta iniciativa persegue a reducir a soidade non desexada, promover un envellecemento activo e autónomo, fortalecer as redes de apoio social e favorecer a convivencia entre xeracións.
Este proxecto permitirá ao estudantado vivir unha experiencia de aprendizaxe en contextos reais de convivencia e coidado, reforzando competencias persoais, sociais e profesionais, así como o compromiso coa comunidade.
"Queremos que Lugo sexa unha cidade universitaria de referencia, non só pola calidade da súa formación, senón tamén pola capacidade de acoller, acompañar e ofrecer oportunidades aos estudantes. Cada estudante que escolle Lugo é unha oportunidade para o futuro da cidade. Queremos crear as condicións para que, cando rematen a súa formación, decidan quedar, traballar e construír aquí o seu proxecto de vida".
A alcaldesa concluíu sinalando que este proxecto exemplifica o modelo de cidade que impulsa o Goberno municipal: un Lugo que aposta pola colaboración institucional, que coida das persoas, promove a solidariedade entre xeracións e reforza a súa identidade como cidade universitaria.

