O Concello de Lugo establece un plan de tráfico no barrio da Ponte polas obras que se levarán a cabo na estrada vella de Santiago

O Gabinete de Tráfico da Policía Local informa do plan de tráfico que se levará a cabo polo corte da circulación na estrada vella de Santiago, coa finalidade realizar as obras de mellora do saneamento na marxe dereita do río Miño. Estas obras correspóndense coa segunda fase dos colectores xerais do Miño.

O corte de tráfico realizarase dende as 8:00 horas de mañá, mércores 30 de xuño, e terá unha duración aproximada de sete semanas.

Martes, 29 de julio de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Nos viais polos que se poderá acceder ao barrio da Ponte a circulación queda establecida do seguinte xeito:

  • Na rúa Fermín Rivera a circulación será en dobre sentido. Reforzarase a sinalización vertical para prohibir o estacionamento nas inmediacións do Club Fluvial, para evitar os estacionamentos indebidos e garantir a fluidez da circulación.
  • Na rúa Vella da Ponte a circulación tamén será en dobre sentido. Acondicionarase o firme e instalarase un semáforo para regular a circulación e establecer un paso alternativo na zona estreita coincidente co Camiño de Pontegaos. Sinalizarase   a intersección coa rúa Doutor Iglesias Otero cunha sinal de STOP para garantir a seguridade da circulación.
  • no Camiño de Pontegaos acondicionarase o firme para facilitar o paso de turismos en dirección á estrada vella de Santiago e ao Camiño Agro da Ponte.
  • A pista que comunica a estrada vella de Santiago coas Bridas e o lavadoiro de Fermín Rivera non sufrirá modificacións.

Tamén se instalarán paneis informativos coas indicacións dos desvíos e os accesos ao barrio da Ponte na estrada vella de Santiago, na estrada de Portomarín e na rúa Fermín Rivera.

Manterase a liña número 2 do bus urbano coa mesma frecuencia horaria e a mesma parada situada na estrada vella de Santiago polas inmediacións da rúa Brétema.

Ademais haberá frecuente presenza da Policía Local e axentes de mobilidade pola zona, para controlar a fluidez da circulación.