A Xunta volve discriminar a Lugo nas contratacións de parados con cargo ós Programas de Cooperación

Jueves, 05 de julio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello pedira este ano fondos para contratar 54 parados e só recibiu 77.324 euros para contratos a tempo parcial de 11 desempregados

 
O Concello de Lugo denunciou hoxe o reparto que fixo a Xunta de Galicia dos fondos con que están dotados os Programas de cooperación para que os concellos galegos contraten desempregados.

A Xunta discriminou, tamén este ano, ós parados de Lugo na distribución deses fondos polo que a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, pregunta onde foron parar 350.000 euros que lle corresponderían a Lugo, que non vai recibir, en función do número de parados que hai no noso municipio.

“Averigüarémolo”, dixo a Concelleira quen anunciou que se fará unha pregunta sobre este asunto no Parlamento galego.

Sonia Méndez sospeita que sucederá o mesmo que o ano pasado, cando se fixo un reparto “caciquil en beneficio dos concellos gobernados polo Partido Popular”. Daquela a distribución dos fondos foi tan discriminatoria que o Concello de Quiroga recibiu 2.100 euros por cada parado existente nese municipio e ó de Lugo a Xunta concedeulle só 26 euros por desempregado.

Este ano a Xunta só lle concedeu a Lugo 77.324 euros cando lle corresponderían 428.619 euros se o reparto dos cartos se fixera con criterios obxectivos, tendo en conta a cifra de persoas que non teñen traballo, xa que en Lugo a cifra de persoas desempregadas é de 9.600.

O Concello de Lugo solicitara este ano máis dun millón de euros para a contratación de 54 persoas e a Xunta dálle pouco máis de 77.000 euros para contratar a tempo parcial 11 parados. Segundo explicou Sonia Méndez, a maioría só poderán ser contratados para o 75% da xornada e unicamente por seis meses, cando o ano pasado eran por un ano.

A Consellería de Traballo fixo pública a convocatoria dos programas de cooperación para 2012 no mes de febreiro por un importe de 45,1 millóns de euros. Sen embargo, o pasado mes de xuño, recortou o seu importe a 12,3 millóns nunha orde ditada pola Consellería.

Ese recorte foi anunciado a raíz de que o Presidente da FEGAMP lle mandou unha carta á Conselleira Beatriz Maro, na que se facía eco da preocupación dos concellos galegos pola contía dos programas de cooperación para este ano e tamén polo atraso na resolución das solicitudes.