Ana González Abelleira anuncia que xa se poden solicitar as axudas para gastos de transporte en taxi adaptado

Jueves, 31 de mayo de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, anunciou esta mañá que xa se poden solicitar as axudas económicas para persoas con discapacidade física e afectadas de graves dificultades de mobilidade para gastos do transporte en taxi adaptado.

Este ano destínanse para esta axuda 9.000 euros dos cales, cada solicitante, poderá optar a un máximo de 800 euros. As subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, están orientadas para as persoas con discapacidade física e afectadas de graves dificultades de mobilidade que precisen dun taxi adaptado e que non teñen os recursos económicos para poder usalo. Para isto, os interesados, poderán entregar as solicitudes no rexistro do Concello ata o día 30 de xuño.

Ana González Abelleira destacou que “dende o Concello somos conscientes dos problemas que teñen as persoas con discapacidade e, por iso, seguimos loitando e aproveitando os recursos económicos para que teñan unha vida máis agradable e fácil”. Neste sentido, tamén lembrou que “estas axudas das que xa invertimos máis de 30.000 euros, véñense realizando dende hai 5 anos, co fin de favorecer a cooperación e integración social das persoas con discapacidade” xa que o Concello de Lugo asumiu o compromiso de facilitar o acceso ao transporte.

“O Concello segue apostando por cubrir as necesidades dos veciños, unha mostra é que levamos invertido en axudas para a accesibilidade máis de 120.000 euros dende o ano 2008 sen contar cos máis de 600.000 euros da Casa Domótica”, segundo informou González Abelleira.

Bases e solicitude no apartado Tramita na túa casa.

 

Multimedia