O Concelleiro de Protección da Comunidade asiste a unha reunión sobre a seguridade nos centros educativos de Lugo

Lunes, 17 de enero de 2011
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O obxectivo da reunión foi o de intensificar as liñas de colaboración xa existentes na actualidade entre os centros e a Policía Local, Nacional e Autonómica para continuar establecendo liñas de comunicación permanente

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, asistiu esta mañá a unha reunión para analizar a seguridade en torno aos centros educativos de Lugo. A reunión, presidida polo subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, contou coa presenza de representantes da Policía Nacional e Local, así como o responsable Provincial da Policía Autonómica e o Xefe Territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo. Na sesión estiveron presentes ademais os directores e os presidentes das ANPAS de centros educativos, que nos últimos días manifestaron incidentes cos seus alumnos en relación a cuadrillas xuvenís.

O obxectivo desta reunión foi o de intensificar as liñas de colaboración xa existentes na actualidade entre os centros e a Policía Local, Nacional e Autonómica para continuar establecendo liñas de comunicación permanente. Así, na reunión analizouse a situación dos centros para reducila aos seus xustos termos, desprendéndoa dos contextos que poidan levar a unha visión sobre dimensionada. Preténdese evitar a inseguridade subxectiva, polo que enviouse, por parte dos presentes, unha mensaxe de tranquilidade aos pais e alumnos dos centros, así como aos veciños da zona.

Na reunión procedeuse a constatar as incidencias puntuais, polo que se concluíu que non hai unha situación alarmante, xa que analizaron os escasos feitos coñecidos. En consecuencia con estes feitos puntuais, e de acordo cos directores dos centros e representantes das ANPAS, establecéronse as medidas convenientes que teñen como obxectivo paliar as posibles incidencias.

Ademais, analizáronse os Plans de Prevención de Consumo de Drogas nas inmediacións dos Centros Educativos, así como as charlas levadas a cabo por policías nos centros para pais e alumnos co obxectivo de que sexan capaces de previr situacións de acoso escolar, violencia de xénero, delincuencia xuvenil ou delitos a través de Internet, que foron valoradas moi efectivas. En definitiva, nesta reunión establecéronse as pautas para unha mellor convivencia e seguridade escolar, tanto na escola como no seu entorno.