A Xunta Local de Seguridade aproba o plan de seguridade para o San Froilán

Miércoles, 13 de octubre de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, e o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, informaron hoxe do plan deseñado para garantir a seguridade das festas de San Froilán.

Trala xuntanza da Xunta Local de Seguridade, na que se ultimaron os detalles deste plan, o Alcalde declarou que “esperamos que sexan, como sempre, unhas festas tranquilas”. O Alcalde aproveitou para pedir desculpas polos trastornos que ocasionará a algúns veciños a celebración das festas e a gran afluencia de persoas que se agarda para estes días en Lugo. Tamén salientou que “este ano temos dous concertos especiais nos que se agarda moita afluencia de xente, os de Placebo e Joaquín Sabina” e destacou “a coordinación entre os distintos corpos policiais para previr calquera tipo de incidencia que puidera suceder”.

O Subdelegado do Goberno indicou que se traballou durante meses neste plan de seguridade no que tamén se contou coa opinión dos comerciantes.

Bando

Un dos acordos novidosos que inclúe este ano o plan de seguridade do San Froilán é a publicación dun bando do Alcalde que prohibirá a instalación de calquera posto que non teña autorización expresa nas rúas máis concorridas da cidade, nas que se agarda maior aglomeración de xente.

A prohibición afectará só ós lugares máis concorridos, é dicir ó recinto amurallado, ó recinto feiral (Rodríguez Mourelo, Garcia Portela, Puro Cora, Ribadeo, Xeneral Tella, Pascual Veiga, Cidade de Viveiro, Cedrón del Valle, Recatelo, Loureiros, Vilalba, Armando Durán, Frei Plácido, paseo Vila de Foz e prazas de Irmáns Pedrosa e Avilés) e tamén a rúa Bispo Aguirre que conecta o casco histórico co recinto feiral.

Esta decisión busca garantir a seguridade e manter expeditas as vías de evacuación e emerxencia debido á gran aglomeración de xente que se producirá nas principais vías da cidade.

Esta medida afectará a calquera tipo de posto non autorizado sexan para actuacións callexeiras, “top manta”, venta de globos, etc.

Para garantir a eficacia deste acordo, ademais da publicación do bando, no caso de que se detecte a instalación dalgún posto que non teña autorización, a policía entregaralles, nun primeiro momento, ós eventuais vendedores callexeiros un escrito informativo da prohibición de desenvolver tal actividade nesas rúas. Para que non haxa problemas de comprensión da mensaxe, estará escrito en varios idiomas: galego, castelán, inglés e francés.

Operativo de seguridade

No operativo de seguridade participarán as Policías local e nacional, Protección Civil, Bombeiros, Cruz Vermella, etc. O Subdelegado do Goberno cifrou nunhas 675 as persoas que tomarán parte no dispositivo.

No caso da Policía Local e de Protección Civil, por exemplo, estarán dispoñibles a plantilla ó completo e todos os voluntarios. Durante as festas suprimiranse as libranzas na Policía Local.

O Concello ten establecidos para a actuación dos seus axentes tres niveis distintos de traballo en función das necesidades tanto pola previsión de afluencia de xente como polo número de actos que se celebren cada día. Nese calendario prevese facer o máximo esforzo tanto no número de efectivos como nas horas de traballo na fin semana do 8 ó 12.

Concerto de Placebo

Ademais de Policía, Protección Civil, Bombeiros e Cruz Vermella, está previsto que traballen para garantir que non haxa problemas 12 auxiliares que pon a organización, 4 vixiantes e 20 persoas de produción.
Desde o día 7 e durante todas as festas as rexas do Seminario vanse elevar ata darlles unha altura de dous metros e quedarán cubertas con rafia.

Tráfico

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, informou de que se está ultimando o deseño do plan de tráfico que está practicamente rematado que se dará a coñecer o xoves.

www.sanfroilan.info

Multimedia