O líder do proxecto URBACT Active Travel Network visita a cidade de Lugo

Jueves, 11 de marzo de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

* O representante austríaco coñeceu as liñas máis importantes do Plan de Mobilidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de protección da Comunidade, Réxime Interior e Transportes, José Rábade, recibiron na Casa do Concello ao representante da Universidade de Graz e do Concello de Weiz, Robert Pressl, lider do proxecto URBACT Active Travel Network, no que está a participar o Concello de Lugo.

O proxecto pretende traballar activamente no impulso dos desprazamentos a pé e en bicicleta como medio de transporte, por isto, o director do Plan de Mobilidade, Miguel Ángel Negral, explicoulle ao representante Austríaco e lider do Proxecto Europeo as liñas máis importantes do Plan de Mobilidade, así como as actuacións que se van a levar a cabo para a peonalización da rúa San Marcos.

Pressl recibiu de primeira man información sobre as medidas implantadas na cidade a favor da mobilidade en bicicleta e a pé. Así como as actuacións para facilitar estes desprazamentos no recinto histórico e os resultados das peonalizacións de diversas rúas xa efectuadas na cidade.

A vindeira xuntanza do plan terá lugar en Polonia, na cidade de Radzionko, o 6 e o 7 de abril.

URBACT
O obxectivo da iniciativa é cambiar os desprazamentos de curta distancia en coche por desprazamentos a pé ou en bicicleta. A participación de Lugo neste proxecto reafirma a política do Goberno Local para potenciar o uso da bicicleta como transporte alternativo, máis respectuoso co medio ambiente e máis saudable, que se concreta no Servizo Municipal de Préstamo de Bicicletas Rebicíclate e que se verá potenciado coa posta en marcha do Plan de Mobilidade.

O importe total do proxecto oscilará entre os 300.000 e os 710.000 euros que se concretará, do mesmo xeito que o alcance definitivo do proxecto, durante os traballos preparatorios do mesmo, que terán lugar entre xaneiro e abril do ano 2010.

Actualmente o consorcio do proxecto, que ten unha duración de 36 meses, está formado por 5 cidades, ademais de Lugo: Weiz (Austria), Novara (Italia), Sebes (Rumania), Dundee (Reino Unido) e Radzionkow (Polonia).

O Programa URBACT II é unha convocatoria de financiamento FEDER que ten como obxectivo lograr as estratexias e obxectivos de Lisboa e Gothenburg, en termos de crecemento, emprego e o medio ambiente sustentable. O programa URBACT II promove esta actuación para reunir a actores no nivel local e rexional para cambiar e aprender sobre unha ampla gama de temas de política urbana.

O URBACT II está estruturado sobre dúas temáticas prioritarias:
- prioridade 1 - Cidades, Motores de Crecemento e Empregos
- prioridade 2 - Cidades Atractivas e Cohesivas

Os beneficiarios do Programa URBACT II son:

- Cidades (municipios, corpos infra-municipais e áreas organizadas) dos Estados membro ou socios;

- Universidades e os centros de Investigación dos Estados membro e socios, nos termos urbanos que sexan afectados. Os beneficiarios deben ser autoridades públicas ou corpos públicos equivalentes para as accións Prioritarias 1 e 2.

Multimedia