MANIFESTO "8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES"

Martes, 09 de marzo de 2010
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Un ano máis, xuntámonos para celebrar os avances que as mulleres temos acadado na consecución dos nosos dereitos, grazas ao traballo e á loita das que nos precederon. Non obstante, o carácter reivindicativo desta data segue a ter plena vixencia, posto que a igualdade real entre mulleres e homes en Galicia –ao igual que no resto do mundo- aínda está lonxe. Todos os indicadores apuntan á persistencia de discriminación de xénero:
- No ámbito laboral, as mulleres padecen taxas de paro moi elevadas, unha maior temporalidade e precariedade, e cobran salarios inferiores. Unhas condicións que empeoran como consecuencia da crise económica. Tanto polo que supón de destrución de emprego, coma polos recortes a nivel de dereitos laborais, que repercutirán negativamente nunhas condicións laborais xa precarias.
- A desigual repartición das tarefas derivadas do coidado e as tarefas reprodutivas é outro indicador relevante. Así todos os estudos avalan o feito de que son maioritariamente as mulleres as que asumen estas tarefas, con consecuencias negativas no seu desenvolvemento persoal e laboral. Son maioritariamente mulleres as que abandonan os seus postos de traballo ante a necesidade de atender a menores ou persoas dependentes, que utilizan os –escasos- recursos de conciliación da vida laboral e persoal, quen son penalizadas no acceso ao emprego remunerado nos períodos “potencialmente” reprodutivos… Unha situación inxusta que precisa de accións correctoras.
- É imprescindible actuar tanto no ámbito laboral como no social, de maneira que tempos de vida e de traballo sexan compartidos facendo compatible vida laboral e persoal de mulleres e homes. É necesario eliminar os obstáculos para a aplicación da Lei de dependencia, tan necesaria para avanzar no logro da autonomía das mulleres e reforzar o investimento público en infraestruturas sociais –no noso país, tan afastado da media europea- para educación infantil e atención a persoas dependentes.

- É preciso reforzar as políticas de igualdade promovendo os necesarios cambios en valores e actitudes sociais adxudicados a homes e mulleres, que contribúan a unha maior sensibilización e intervención na prevención, tratamento e erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres, incluído o acoso sexual e o acoso por razón de sexo no ámbito laboral.
- Así mesmo, debemos seguir a demandar unha maior participación e representación das mulleres nos distintos ámbitos de decisión públicos e privados, que posibilite unha representación social equilibrada entre mulleres e homes, asegurando especialmente a presenza de mulleres nos ámbitos de representación e nos procesos da negociación colectiva.
- Por outra banda, é preciso denunciar que as mulleres seguimos topando cun teito de cristal que limita a nosa equiparación cos homes, sobre todo, cando queremos acceder a postos de liderado político, económico, social e intelectual, que afecta máis ás mulleres con “dobre” ou “tripla” discriminación, como son as mulleres con discapacidade, as mulleres xitanas, as mulleres inmigrantes, as familias monomarentais…
- É necesario, así mesmo, denunciar a explotación da dobre xornada, porque seguimos a destinar moitas máis horas ca os homes por xornada ás tarefas domésticas, de xeito que o fogar segue a ser o segundo centro de traballo das mulleres, tarefas non remuneradas que nos impiden descansar do traballo realizado fóra da casa.
- Outra reivindicación é a de facer visible o traballo das mulleres, xa que non se representa estatisticamente a presenza feminina na forza laboral, dado que non se considera parte do produto o traballo da muller que non chega ao mercado (aprovisionamento de bens para labores de reprodución no ámbito doméstico, educación, creación de alimentos, traballo de coidado e sanitario, etc.), ou porque moitas delas fican aínda baixo o epígrafe da “economía somerxida”.
- Deslexitimamos, tamén, a división sexual do traballo, e apostamos por un modelo de sociedade formado por persoas sustentadoras/coidadoras en igualdade, ao que deben ir orientadas as políticas públicas, e non ao actual modelo que obriga as mulleres a volveren ao fogar a ocuparse do coidado de familiares dependentes, ou ben a reducir a súa xornada para compatibilizala co coidado.
- Gustaríanos, finalmente, destacar as iniciativas que dende o Foro de Participación Cidadá en Materia de Igualdade do Concello de Lugo se teñen levado a cabo para a promoción da igualdade entre mulleres e homes no noso municipio, entre outras: a eliminación da linguaxe sexista; a sensibilización sobre a paridade nas xuntas directivas das asociacións de veciñanza e colexios profesionais; a formación e información sobre igualdade de oportunidades e violencia de xénero dirixida a persoal municipal, asociacións de mulleres, persoal que imparte obradoiros nos centros de convivencia, que traballa nas instalacións deportivas, etc.; a creación dun dominio sobre igualdade de xénero no marco do observatorio municipal; a posta en marcha de medidas de apoio á conciliación da vida persoal e laboral como os programas “Aprende xogando” e as “aulas abertas” en verán; a creación de certames de narrativa e fotografía sobre a igualdade e a violencia de xénero; as accións de sensibilización sobre a prostitución e a trata…
Para rematar, lembramos uns fermosos versos de Rosalía de Castro, do seu libro Follas Novas, poeta da que conmemoramos este ano o 125 aniversario do seu pasamento, e que reflectiu, como ninguén, unha preocupación constante pola condición das mulleres.

Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferbe o pote... mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas
sinto negras soidás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar,
anduriña, voa, voa,
ven e dime en onde está.
 

Lugo, 8 de marzo de 2010


FORO DE PARTICIPACIÓN EN MATERIA DE IGUALDADE DO CONCELLO DE LUGO

Multimedia