O Concello de Lugo participa nun encontro Internacional para a loita contra as drogas

Martes, 25 de marzo de 2008
Fuente: 
Gabinete de Prensa

É unha iniciativa de colaboración entre a Comisión Europea e a Comisión Interamericana para o control do abuso de drogas da Organización dos Estados Americanos

A cidade de Lugo foi seleccionada a petición dos responsables do Plan Nacional de Drogas polo bo traballo realizado

Participarán máis de 250 especialistas no tratamento de drogodependencias chegados de todo o mundo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, presentaron o progama de actividades do primeiro Foro Interrexional de Cidades en Políticas Públicas e Tratamento de Drogas que terá lugar do 2 ao 5 de abril en Santo Domingo.

O Concello de Lugo acude a este Foro por ser membro integrante do Comité Executivo da Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas (CICAD) pertencente á Organización dos Estados Americanos (OEA). Este Comité está tamén composto por representantes de Edimburgo (Reino Unido), Göteborg (Suecia), Santo Domingo (República Dominicana) e Montevideo (Uruguay).

Lugo foi seleccionada a petición expresa dos responsables do Plan Nacional de Drogas que valoraron extraordinariamente o traballo realizado polo técnicos municipais do Servizo de Prevención de Drogodependencias que depende da Concellería de Servizos Sociais que dirixe Carmen Basadre.

Outras cidades españolas que se inclúen neste programa son Zamora, Barcelona, Xixón, Segovia e Elche.

O primeiro encontro cos países que forman parte do Comité Executivo foi o pasado mes de xullo de 2007 a través dunha videoconferencia que en Lugo tivo lugar na Casa Consistorial. A partir dese momento comeza o proxecto e elabórase un cronograma de traballo para os vindeiros 3 anos (2007-2010).

250 especialistas internacionais participan no Foro
Neste cronograma xa se recolle a data do primeiro encontro entre os países executivos e o resto de países e cidades que en calidade de socios asistirán a este I Foro Interrexional de Cidades que contará coa presenza de máis de 250 especialistas de todo o mundo no tratamento de drogodependencias.

Neste Foro trataranse diversas temáticas, entre elas as políticas locais que se deben seguir para o tratamento de drogas, o impacto económico e a importancia da coordenación das políticas locais, as alternativas ao encarcelamento, os diversos tratamentos, a Sida, a rehabilitación e a reinserción social dos drogodependentes, a cooperación entre países compartindo experiencias, prácticas, preocupacións e retos da área de tratamento, a elaboración de plans de traballo entre as cidades participantes...

Os obxectivos da cidade de Lugo durante os anos que forme parte da executiva son o asesoramento á CICAD para levar a cabo estratexias bilaterais e liderar proxectos relacionados coa prevención e o tratamento de adiccións ás drogodependencias.

O pasado 3 de marzo, a Corporación Municipal aprobou en Pleno que o Concello solicite á CICAD ser a sede do II Foro Internacional, o que suporía a chegada a Lugo de centos de persoas procedentes de todo o mundo. Esta petición xa foi enviada aos responsables da Comisión para que a estuden.

A Delegación lucense que acudirá a este foro estará encabezada polo Alcalde da cidade, como representante máximo da institución que forma parte do Comité Executivo, a Concelleira de Muller e Servizos Xerais, responsable do Servizo de Drogodependencias de Lugo, Carlos Quintas, Responsable da área de Medicina preventiva, Víctor Fraga, Director do Centro Penitenciario de Monterroso, José Luis Conde Salgado, Fiscal Antidroga de Galicia, e o Xuiz, José Antonio Varela Agrelo.

Lugo presentará en Santo Domingo a política municipal seguida para o tratamento e as diferentes opcións que se poñen en marcha no concello. Para iso contará cun stand no que os visitantes poderán coñecer cada un dos programas levados a cabo na cidade.

Máis información en: http://www.cicad.oas.org/Reduccion_Demanda/ESP/EU-CICAD/principal.asp