A revista Foeminas presenta un novo número

Miércoles, 13 de febrero de 2008
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A revista virtual Foeminas presenta o seu número 24 que xa se pode ler na web municipal www.lugo.es.

No apartado Historia de Mulleres Cristina Corral Soilán presenta a primeira entrega da biografía dunha muller excepcional: Matilde Landa, unha gran loitadora antifascista.

Na Portada, o artigo “Ti por min, eu por ti” convida a reflexión sobre a "autoinculpación das mulleres". Doutra banda, publicase unha reportaxe titulada “Fomos todas” no que se aborda toda a polémica xerada arredor do tema do aborto.

Tamén en Portada preséntase unha crónica realizada por Amaia Cuesta Alonso sobre as III Xornadas de Políticas Lésbicas desenvolvidas os días 6, 7 e 8 de decembro de 2007 en San Sebastián.

Ademais, recollese o relatorio titulado “Foeminas, dous anos de experiencia na rede” presentado no Congreso fundacional "I+C Investigar a Comunicación" celebrado do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2008 en Santiago de Compostela.

A Galería de Arte realizada pola investigadora Laura Mónica Mendoza presenta a obra da recoñecida performer mexicana Mónica Mayer.

A sección Contemporáne@ achega o traballo de dúas novas e talentosas músicas luguesas, Cristina Nogueira Pérez e María de los Ángeles Nogueira Pérez.

Mullerciclopedia presenta unha nova crítica musical de José Lemur sobre o último traballo da artista M.I.A..

Na sección Opinionas estrease unha nova colaboradora internacional, Angélica, que desde Suecia achega unha reflexión sobre a prostitución.

En Foeminas Panorámica infórmase sobre unha importante campaña levada adiante pola Federación de Mulleres Progresistas en favor das mulleres inmigrantes.

Tamén se recolle a convocatoria para participar no Curso Virtual Liderar en Clave de Xénero desenvolto polo Centro Eurolatinoamericano de Formación Política "Mulleres e Cidade".

Para rematar, non faltan as tradicionais seccións Mullerecetario, Viaxeiras e Noticias coas súas renovadas versións mensuais que esperan ser visitadas.