A nova programación sociocultural do Concello ofrece preto de 200 actividades lúdicas e formativas

Martes, 13 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, presentou a nova programación de actividades socioculturais deseñada pola súa concellería.

O programa desenvolverase nos distintos Centros Sociais Municipais entre o 15 de outubro e o 31 de maio. Para clausurar a temporada, celebrarase unha exposición en cada centro social, entre o 9 e o 15 de xuño do vindeiro ano, cos traballos realizados durante os cursos.

Para acadar unha maior difusión a concellería vai repartir 13.000 exemplares do programa; distribuirá 10.000 nos fogares lucenses a través do sistema de buzoneo e os 3.000 restantes serán repartidos polos distintos centros sociais.

A edil destacou a importante oferta de actividades, que este ano ascende a 194 e son de moi diversa temática, pero todas coa finalidade común de ofrecer aos lucenses un tempo de lecer que compaxine o carácter lúdico coa formación práctica en materias diversas como as manualidades, a informática, os idiomas, danzas tradicionais ou disciplinas ximnásticas, entre outras.

Para a nova tempada ofértanse 2.600 prazas en total e os interesados poderán inscribirse nos cursos que desexen do 17 ao 21 de setembro, entre as 9:00 e as 13:00 horas e das 17:00 ás 19.00 horas, nos centros sociais municipais onde se realizan as actividades. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. A Concellería de Muller e Servizos Sociais reserva o 40% das prazas para persoas con diversidade funcional.

Ademais dos cursos, a programación sociocultural inclúe distintas actividades de carácter aberto como: as saídas culturais e excursións, as aulas abertas, os actos conmemorativos das festividades do Entroido e do día das Letras Galegas, e distintas conferencias e mesas redondas sobre temas de actualidade que se irán convocando con distinta frecuencia en cada centro.

O prezo máximo das actividades é de 15 euros, aínda que a maioría das actividades ofertadas son de carácter gratuíto, en especial as dirixidas aos nenos e as de carácter social, como todos os cursos de español para estranxeiros e os de alfabetización.

Este ano, as principais novidades son os cursos de pilates, os de batuka, e unha serie de actividades relacionadas con tarefas do fogar, como pasar o ferro, labores de costura ou cociña básica deseñadas para homes e persoas recén independizadas para que aprendan a manexarse nos traballos cotiás dos fogares.

Os máis cativos tamén terán un amplo abano de actividades nos que elexir: como cursos de bailes e coreografías, sobre a natureza (como a reciclaxe e a vida das plantas); de arte e manualidades, e de orientación máis práctica como os cursos de apoio escolar, de técnicas de estudo, ou de inglés, entre outros.

Para as persoas maiores deseñouse un variado programa de actividades específicas relacionadas co adestramento da memoria, a lectura e a escritura e disciplinas deportivas adaptadas a súa capacidade física (como a bioximnasia ou o tai-chi).

Novos horarios
A edil anunciou o novo horario dos centros sociais para o novo curso, xa que a partir do sábado día 15 de setembro volven a abrir de 9:30 a 13:30 horas polas mañás, e de 16:30 a 21:30 horas polas tardes.

Ademais, co inicio do curso escolar as ociotecas reducen o seu horario de 16:00 a 20:30 horas.