O equipo de goberno impulsará a tramitación da Ordenanza de Contaminación Acústica do Concello

Lunes, 12 de noviembre de 2007
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, informou sobre os asuntos tratados na Comisión de seguimento da Ordenanza de Contaminación Acústica. Rábade dixo que se analizaron os puntos da orde do día entre os que se atopaba o estado de tramitación desta normativa.

Neste senso, o Concelleiro explicou que a Comisión decidiu axilizar os trámites para a aprobación do borrador de Ordenanza existente neste momento, “faremos o informe técnico preceptivo para poñer a Ordenanza en vigor”.

Na anterior xuntanza desta Comisión, que tivo lugar o 30 de Outubro de 2006, decidiuse esperar á aprobación anunciada dun novo Regulamento estatal de desenvolvemento da Lei do Ruído.

A decisión de suspender temporalmente a tramitación do proxecto de Ordenanza, tomouse de forma unánime, xa que se esperaba que o novo Regulamento unificase criterios en todas as Comunidades Autónomas á hora de interpretar a Lei do Ruído. Ademais permitiría a inclusión das novidades na Ordenanza que se aprobase en Lugo.

Na actualidade esta regulación segue sen estar en vigor, por iso o equipo de goberno e os integrantes desta Comisión de seguimento, decidiron continuar cos trámites para aprobar a Ordenanza Municipal.

Este novo documento de regulación da contaminación acústica viría substituir ó anterior, aprobado por acordo plenario o 3 de febreiro de 2003, e que contiña, segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha disposición contradictoria que fixo que anulase o acordo polo que se aprobou este texto.

Este Tribunal consideraba que existía unha contradicción na Disposición Adicional Sétima da Ordenanza Xeral Municipal Reguladora da Contaminación Acústica. Segundo explica na sentenza, esta disposición di que “na Zona Centro non se poderán conceder licenzas do Grupo I, II, III, IV e V”, e ó mesmo tempo autoriza as “licenzas do grupo I nas rúas encadradas nesa zona”.

Nesta xuntanza tamén se aprobou a acta da sesión de outubro de 2006 e aceptouse a solicitude dun café concerto na Rúa Salvador de Madariaga.