- Tema
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos na convocatoria para a contratación de persoal polo Concello de Lugo dentro do Plan Lugo Emprega que puxo en marcha a Deputación.
Neste proceso para a selección do persoal laboral temporal que prestará servizos no Concello de Lugo con cargo ó Plan de Emprego provincial 2011 presentáronse 2.123 solicitudes, das que foron admitidas 2.034 e excluídas 89.
O Concello recibirá 800.000 euros da Deputación grazas a este plan de fomento do emprego na provincia, o que lle permitirá contratar 62 persoas durante seis meses. As prazas convocadas son 42 de peóns, 5 de auxiliares administrativos, 4 de ordenanzas, 3 de técnicos medios, 3 de dinamizadores, 3 de especialistas informáticos e 2 de delineantes.
Trala publicación das listas no BOP mañá abrirase un prazo de dez días hábiles para a subsanación de erros. Logo farase a publicación da lista definitiva de admitidos e fixarase a data para realizar a primeira proba.