Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Paula Alvarellos traslada á Plataforma MVRO que o Concello pedirá á Xunta que iguale o investimento municipal no Cuartel de San Fernando, que xa supera os 2,6 millóns

Paula Alvarellos traslada á Plataforma MVRO que o Concello pedirá á Xunta que iguale o investimento municipal no Cuartel de San Fernando, que xa supera os 2,6 millóns

“O Concello cumpriu coa súa parte investindo 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en tarefas de conservación. Agora debe ser o Executivo galego o que financie a reforma da envolvente e da cuberta”, explicou.

“Debido á envergadura do proxecto, é necesario recuperar este compromiso autonómico para poder optar a outras liñas de financiamento. Os 500.000 euros anunciados deben ser o inicio dun investimento plurianual”, apuntou Alvarellos.

“Mentres a Xunta destina á reforma do pazo pontevedrés de Lourizán 17,3 millóns de euros pretenden descargar nas e os lucenses a súa responsabilidade de protexer o noso patrimonio arqueolóxico nun agravio comparativo sen precedentes”, afirmou tras a reunión.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Mércores, 15 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos traslada á Plataforma MVRO que o Concello pedirá á Xunta que iguale o investimento municipal no Cuartel de San Fernando, que xa supera os 2,6 millóns

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Plataforma MVRO no que lles trasladou que o Goberno local, da man do tecido asociativo  e a sociedade lucense, solicitará á Xunta que concrete unha dotación orzamentaria plurianual e formalice a súa intención de colaborar na consecución do obxectivo de converter o antigo cuartel de San Fernando no Museo da Romanización. “É a miña responsabilidade esixir para Lugo o que é de xustiza. Somos a única administración que investiu neste proxecto. O Concello cumpriu coa súa parte destinando 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en tarefas de conservación ao longo dos últimos 8 anos. Agora debe ser o Executivo galego o que financie a reforma da envolvente e da cuberta. Non hai tempo que perder”, apuntou a rexedora tras o encontro.

Durante o transcurso da reunión, Alvarellos Fondo explicou que a folla de roteiro que guia o proceso de rehabilitación é a proposta Perseo, redactada por Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj, gañadores do concurso de ideas convocado pola Xunta no seu día e que ademais conta co informe favorable do Icomos. “A partir desta proposta, desde o Concello planificamos a execución dos traballos en catro fases, o que pedimos á Xunta é que asuma a primeira delas que afecta á envolvente e a cuberta e cuxo custo de execución coincide practicamente coa contía que o Concello destinou ata o momento ao proxecto. Isto situaríanos en disposición de acceder a outro tipo de liñas de financiamento que incluiría fondos municipais, como o 2% Cultural ou fondos europeos, cos que poderiamos abordar as fases relacionadas coa musealización do inmoble , xa que son liñas específicas para este fin”, sinalou.

Alvarellos lembrou que máis de 15.000 pezas de diversa cronoloxía alto imperial e baixo imperial recuperadas ao longo de 30 anos de escavacións atópanse neste momento gardadas en dependencias municipais e mesmo en domicilios particulares de arqueólogos no que considera unha neglixencia maiúscula por parte do executivo galego.  “É necesario que o a Xunta asuma as súas competencias. Mentres o goberno de Rueda destina á reforma do pazo pontevedrés de Lourizán 17,3 millóns de euros pretenden descargar nas e os lucenses a súa responsabilidade de protexer o noso patrimonio arqueolóxico nun agravio comparativo sen precedentes”, afirmou.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/paula-alvarellos-traslada-plataforma-mvro-que-o-concello-pedira-xunta-que-iguale-o