Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Paula Alvarellos entrega a Escoba de Platino as persoas traballadoras do Servizo Municipal Luce Lugo

Paula Alvarellos entrega a Escoba de Platino as persoas traballadoras do Servizo Municipal Luce Lugo

O galardón, outorgado pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente (ATEGRUS), recoñeceu hai menos de un mes a renovación do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) impulsada polo Goberno local.

A rexedora recoñeceu o traballo diario de todo o equipo e recoñeceu que “é unha honra para min facervos entrega dun recoñecemento que nos sitúa entre as cidades máis limpas de España, xunto a referentes como Vitoria ou San Sebastián”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Xoves, 11 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos entrega a Escoba de Platino as persoas traballadoras do Servizo Municipal Luce Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, entregou hoxe a Escoba de Platino ao persoal do servizo de limpeza da cidade, nun acto que contou tamén coa presenza de Miguel Fernández, concelleiro de Transición Ecolóxica. A rexedora expresou o seu agradecemento a todo o equipo, destacando a importancia do seu labor diario: "É unha honra para min facervos entrega dun recoñecemento que nos sitúa entre as cidades máis limpas e con mellor xestión de residuos de España, xunto a referentes como Vitoria ou San Sebastián."

O galardón, outorgado pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos, Aseo Urbano e Medio Ambiente (ATEGRUS), recoñeceu hai menos de un mes a renovación do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), limpeza viaria e xestión do punto limpo impulsada polo Goberno local. A Escoba de Platino é a máxima distinción neste prestixioso certame de ámbito estatal e iberoamericano.

O xurado de expertos valorou diversos aspectos para conceder este recoñecemento ao Concello de Lugo, tales como o uso de vehículos e maquinaria medioambientalmente sostibles, a transición ao sistema de carga lateral nos colectores, a apertura dunha oficina de atención ao cidadán e a implementación do servizo de punto limpo móbil.

A alcaldesa subliñou que este premio é un testemuño do arduo traballo e dedicación do equipo de EcoLugo: "Vós sodes os verdadeiros artífices deste logro. Cada un dos labores que levades a cabo no día a día reflicten o voso compromiso coa excelencia, algo que a propia veciñanza tamén percibe: subimos no último ano 25 postos no ranking da OCU sobre limpeza urbana".

Pola súa banda, Miguel Fernández destacou os avances na concienciación cidadá e a tendencia á alza nas cifras de reciclaxe: "Non só o traballo sobre o terreo da resultados, tamén se acadaron mellores hábitos da cidadanía grazas á concienciación: a reciclaxe na bolsa amarela non para de crecer cun 18% máis nos primeiros cinco meses de 2024 e un 15% no papel e cartón".

Por último, a rexedora animou a todo o cadro de persoal a seguir traballando en equipo: "Esta Escoba de Platino é moito máis ca un trofeo. É un estímulo para seguir traballando, para seguir mellorando e para continuar facendo de Lugo un exemplo de respecto polo medio ambiente. Grazas a cada un de vós polo voso esforzo e dedicación. Este premio é voso. Seguimos traballando en equipo por un Lugo mellor".

O recoñecemento de ATEGRUS sitúa a Lugo como unha das cidades máis limpas de España, consolidando o compromiso do Executivo de Paula Alvarellos coa sostibilidade e o respecto polo medio ambiente.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a Escoba de Platino | Descargar mp3 [1]
  • O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre a Escoba de Platino | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/paula-alvarellos-entrega-escoba-de-platino-persoas-traballadoras-do-servizo-municipal-luce

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/110724_paulaalvarellos_trabalaldoreslucelugo.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/110724_miguelfernandez_escobadeplatino_traballadoreslucelugo.mp3