Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Vello Cárcere será declarado Lugar de Memoria Democrática e consolidarase como referente en Galicia

O Vello Cárcere será declarado Lugar de Memoria Democrática e consolidarase como referente en Galicia

O Goberno de España iniciará o vindeiro mes de maio o procedemento para a declaración oficial deste espazo clave para a memoria histórica da cidade.

Miguel Fernández subliña a importancia de dignificar un lugar “que forma parte da historia e da identidade colectiva de Lugo”.

“Trátase dun acto de xustiza, reparación e dignidade”, destacou o delegado do Goberno, Pedro Blanco.

O alcalde, o delegado e a subdelegada do Goberno, Olimpia López,  visitaron conxuntamente o edificio e puxeron en valor a cooperación institucional.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural,
    • Desenvolvemento local
Xoves, 16 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere será declarado Lugar de Memoria Democrática e consolidarase como referente en Galicia

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzaron que o Executivo central iniciará o vindeiro mes de maio o procedemento para declarar O Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática, un recoñecemento que permitirá consolidar este espazo como un dos grandes referentes da memoria histórica en Galicia.

Durante a visita ao edificio, na que tamén participou a subdelegada do Goberno na provincia, Olimpia López, o rexedor destacou que este anuncio “supón un paso fundamental para seguir dignificando un espazo que fala da nosa historia e do compromiso de Lugo cos valores democráticos”, incidindo no traballo desenvolvido polo Concello para recuperar e poñer en valor este inmoble. Pola súa banda, Pedro Blanco cualificou a iniciativa como “un acto de xustiza, reparación e dignidade”, subliñando a importancia de preservar a memoria das vítimas e trasladala ás novas xeracións.

Este avance chega tras o proceso impulsado polo Concello para acadar este recoñecemento, e permitirá que O Vello Cárcere se sume aos tres espazos xa declarados en Galicia, como o Pazo de Meirás, as Illas de San Simón e San Antón e a cidade de Ferrol, reforzando así o papel de Lugo no mapa da memoria democrática.

O delegado do Goberno puxo en valor o significado histórico do edificio, lembrando o seu papel como espazo de represión política durante a Guerra Civil e a posguerra, polo que pasaron milleiros de persoas en condicións de extrema dureza. “É fundamental explicar o que ocorreu para evitar que se repita e impedir que caia no esquecemento”, afirmou.

Pola súa banda, Miguel Fernández destacou a transformación do inmoble, que pasou de ser un símbolo de dor e represión a converterse nun centro cultural aberto á cidadanía. “Hoxe é un espazo vivo, que promove a reflexión crítica sobre o pasado e contribúe a construír unha sociedade máis xusta e máis libre”, sinalou.

Ambos representantes coincidiron en subliñar a importancia da colaboración institucional para facer realidade este tipo de proxectos. “Cando hai diálogo e cooperación, os proxectos avanzan”, indicou o delegado, quen tamén puxo en valor o compromiso do Goberno con Lugo.

Neste contexto, o alcalde agradeceu a implicación do Executivo central e destacou que este recoñecemento permitirá reforzar a programación e a proxección do Vello Cárcere, ademais de abrir novas oportunidades de financiamento e divulgación.

A declaración como Lugar de Memoria Democrática suporá un paso máis na posta en valor deste espazo, consolidando o compromiso de Lugo coa memoria, a xustiza histórica e a defensa dos valores democráticos.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o Vello Cárcere e a memoria democrática | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-vello-carcere-sera-declarado-lugar-de-memoria-democratica-e-consolidarase-como-referente-en

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/160426_memiradecocrtica_mfernandez.mp3