Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O San Froilán entre as mellores festas do outono de España, segundo o comparador de aloxamentos Niumba de TripAdvisor

O San Froilán entre as mellores festas do outono de España, segundo o comparador de aloxamentos Niumba de TripAdvisor

Carmen Basadre amosou a súa satisfacción por esta recomendación, que servirá para reforzar tanto o incremento de viaxeiros como a cidade Lugo

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Promoción turística
Martes, 25 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O comparador de aloxamentos Niumba, www.niumba.com [1], destaca o San Froilán de Lugo entre as mellores festas do outono en España, ensalzando que esta festa congrega a multitude de visitantes nos distintos actos programados cada ano, chegando a máis de duascentas nesta última edición, que contou cunha afluencia de máis de 600.000 persoas.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, amosou a súa satisfacción por esta recomendación, que “servirá para reforzar tanto o incremento de viaxeiros a estes festexos declarados de interese turístico galego e nacional como a cidade Lugo”.

A edil tamén lles agradeceu a todos os visitantes que viñeron a Lugo e participaron en todas as actuacións e actividades programadas, destacando que “seguiremos traballando para que sexan declaradas de interese turístico internacional”.

Niumba, de TripAdvisor, é o portal líder en aluguer vacacional en España. Conta con máis de 100.000 propiedades repartidas por todas as zonas turísticas do país: grandes núcleos urbanos, praias, estacións de esquí e zonas rurais.

Viaxeiros de todo o mundo visitan Niumba diariamente para atopar un lugar onde pasar as súas vacacións e escollen entre as diferentes opcións de aluguer vacacional que se anuncian no portal: apartamentos, casas rurais, bungalows, vilas, hoteis rurais, albergues, entre outros.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o posicionamento do San Froilán entre as mellores festas do outono de España |Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-san-froilan-entre-mellores-festas-do-outono-de-espana-segundo-o-comparador-de-aloxamentos

Ligazóns:
[1] http://www.niumba.com/
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/251016_carmen_basadre_-_san_froilan_entre_mellores_festas.mp3