Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo celebrará o Día da Muller e da Nena na Ciencia cunha Escape Room para visibilizar o papel fundamental da muller na comunidade científica

Lugo celebrará o Día da Muller e da Nena na Ciencia cunha Escape Room para visibilizar o papel fundamental da muller na comunidade científica

A reserva farase por rigorosa orde de inscrición no enderezo electrónico igualdade@lugo.gal [1]

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Servizos sociais,
    • Igualdade
Xoves, 03 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo celebrará o Día da Muller e da Nena na Ciencia cunha Escape Room para visibilizar  o papel fundamental da muller na comunidade científica

O executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, deseñou unha actividade para celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora cada ano o 11 de febreiro. Esta será a primeira actividade ao redor de diversas datas significativas dentro do calendario feminista que a Concellería prevé celebrar ao longo do ano e que dará a coñecer nos vindeiros días.

"O Día da Muller e da Nena na Ciencia celebrarase cunha Escape Room que montaremos para a ocasión e que se manterá ao longo da semana do 7 ao 12 de febreiro na Casa da Xuventude", tal e como subliñou a Concelleira, quen se puxo en contacto cos distintos centros educativos do municipio para convidalos a asistir a esta actividade, onde o alumnado participante terá a ocasión de descubrir ou recordar que mulleres e nenas desempeñan un papel fundamental na comunidade científica e que a súa presenza debe fortalecerse.

Haberá dúas sesións todos os días en xornada de mañá, reservadas para o alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO dos centros educativos do municipio , ás 11:00 e ás 12:30 horas, e outras dúas en xornada de tarde, ás 18:00 e ás 20:00 horas, dirixidas a público familiar e xeral. O sábado todas as sesións están abertas a este público. A reserva farase por rigorosa orde de inscrición no enderezo electrónico igualdade@lugo.gal [1] e os grupos poderán ser dun máximo de 10 persoas por sesión.

"Trátase dun tipo de actividade moi ben acollida polo público mozo que mestura matices lúdicos e educativos para que as nosas rapazas e rapaces comproben que existen referentes importantes de mulleres na ciencia, tanto as esquecidas no pasado como as moi presentes no ámbito científico e académico hoxe en día", concluíu  Silvia Alonso.

Audio

  • A concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, sobre o Scape Room | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-celebrara-o-dia-da-muller-e-da-nena-na-ciencia-cunha-escape-room-para-visibilizar-o-papel

Ligazóns:
[1] mailto:igualdade@lugo.gal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/xx0222_scape_room_-_silvia_alonso.mp3