Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Cultura organiza campamentos de Semana Santa nas Casas das Linguas municipais

A área de Cultura organiza campamentos de Semana Santa nas Casas das Linguas municipais

Maite Ferreiro: “Queremos ofertar unha alternativa para a conciliación na que as nenas e nenos se acheguen a outras linguas de maneira lúdica”.

As actividades desenvolveranse os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, entre as 09:30 e as 13:30, e estarán destinadas a nenas e nenos empadroados no Concello de Lugo nados entre 2016 e 2022.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural,
    • Educación,
    • Educación pública,
    • Formación,
    • Conciliación
Xoves, 12 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura organiza campamentos de Semana Santa nas Casas das Linguas municipais

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que as Casas das Linguas Municipais María Balteira e Estrada da Granxa acollerán campamentos durante a Semana Santa. Segundo explicou Maite Ferreiro, “queremos facilitar a conciliación ás familias ao mesmo tempo que achegamos ás nenas e nenos a outras linguas de maneira lúdica”.

As actividades están dirixidas a nenas e nenos empadroados no Concello de Lugo nados entre 2016 e 2022, e desenvolveranse nas dúas Casas das Linguas os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, en horario de 09:30 a 13:30 horas. Co obxectivo de ofrecer maior flexibilidade ás familias, a entrada poderá realizarse entre as 09:00 e as 09:30 horas, mentres que a recollida poderá efectuarse entre as 13:30 e as 14:00 horas.

As actividades do campamento serán impartidas en inglés, francés e galego, cun enfoque lúdico que permitirá ás nenas e nenos achegarse ás linguas a través de xogos e dinámicas participativas. Ofertaranse 40 prazas en total, distribuídas en 20 prazas na Casa das Linguas María Balteira e 20 na Casa das Linguas da Estrada da Granxa.

O prazo de solicitude abrirase do 16 ao 20 de marzo a partir das 10:00 horas, e as prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición. As solicitudes deberán realizarse por correo electrónico á Casa das Linguas na que se desexe participar: casa.linguas@lugo.gal [1] para a Casa das Linguas da Estrada da Granxa e casa.linguas.balteira@lugo.gal [2] para a Casa das Linguas María Balteira.

No correo de solicitude deberán indicarse o nome do alumno ou alumna, data de nacemento, quenda solicitada e teléfono de contacto, podendo inscribirse varios irmáns no mesmo correo.

A listaxe de admitidos publicarase o 23 de marzo, e o prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto ata o 26 de marzo, momento no que deberá presentarse a documentación necesaria.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre os campamentos de Semana Santa | Descargar mp3 [3]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-cultura-organiza-campamentos-de-semana-santa-nas-casas-das-linguas-municipais

Ligazóns:
[1] mailto:casa.linguas@lugo.gal
[2] mailto:casa.linguas.balteira@lugo.gal
[3] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20260312_maite_ferreiro_campamentos_semana_santa.mp3