Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > 560 alumnos participaron durante os últimos dous anos nos talleres de prevención de violencia de xénero organizados polo Concello

560 alumnos participaron durante os últimos dous anos nos talleres de prevención de violencia de xénero organizados polo Concello

Trátase dunha programación que pretende concienciar aos mozos e mozas sobre a desigualdade entre mulleres e homes, e incorporar a loita contra o sexismo e a violencia como valor básico

“É dende a educación como podemos previr este tipo de terrorismo, que no pasado 2015 acabou coa vida de 56 mulleres e 3 menores, e no que vai de 2016 asasinou a tres”, asegurou a Concelleira de Benestar Social

  • Tema
    • Benestar social,
    • Igualdade,
    • Violencia de xénero,
    • Xuventude
Xoves, 14 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis de 560 alumnos de 8 centros da cidade participaron durante os anos 2014 e 2015 nos talleres de prevención de violencia de xénero organizados pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, que dirixe Ana González Abelleira. Trátase dun programa de intervención social que se desenvolve nas propias aulas e que pretende concienciar aos mozos e mozas sobre a desigualdade social entre mulleres e homes e incorporar a loita contra o sexismo e a violencia como valores básicos.

A problemática da violencia de xénero tamén está presente nas relacións dos máis mozos. Máis de 1.000 rapaces menores de 18 anos foron a xuízo por delitos ou faltas de violencia de xénero en España dende 2007. “É dende a educación como podemos previr este tipo de terrorismo, que no pasado 2015 acabou coa vida de 56 mulleres e 3 menores, e no que vai de 2016 asasinou a tres”, asegurou a edil.

Resultados satisfactorios

Ana Abelleira mostrouse satisfeita dos resultados obtidos con estes talleres, xa que “máis dun 74% dos asistentes mellorou o seus coñecementos en materia de xénero, polo que o Concello quere seguir organizando e realizando estas actividades e seguir reivindicando que se lle devolvan aos Concellos as competencias en materia de igualdade e contra a violencia de xénero para acadar a tan ansiada igualdade real e efectiva pola que traballamos dende a Concellería”, subliñou Abelleira.

En total, recibiron formación 310 alumnos de Educación Secundaria Obligatoria dos institutos Sanxillao, Xoán Montes e Lucus Augusti; e 255 alumnos dos centros escolares Rosalía de Castro, Virxe da Soidade, Casás, Quiroga Ballesteros e Illa Verde. Hai que sumarlle a participación de 15 usuarios da ANPA de Rosalía de Castro.

Audio

  • Ana Abelleira, sobre os talleres de loita contra a violencia machista|Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/560-alumnos-participaron-durante-os-ultimos-dous-anos-nos-talleres-de-prevencion-de-violencia

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/140116_ana-abelleira-violencia-xenero.mp3