Concedidas axudas por 156.000 euros a 61 lucenses con talento deportivo e a 62 clubs e asociacións de deporte
O Concello prorroga os contratos para manter os programas de conciliación laboral e familiar Unha Escola Aberta e Aprende Xogando, e para a atención do centro de día municipal Novo Antonio Gandoy
- Tema
- Deportes,
- Subvencións municipais
A Xunta de Goberno aprobou na sesión deste mércores a concesión de axudas por valor de 156.000 euros encamiñadas a fomentar o deporte e a actividade física, e apoiar ao tecido asociativo. Por unha banda, outorgou 24.000 euros a 61 lucenses con talento deportivo, que percibirán contías económicas individuais que oscilan entre os 160 e os 760 euros, e por outra, concedeu 130.000 euros a 62 clubs e asociacións de todo tipo de modalidades, dende atletismo, running, ciclismo, balonmán, béisbol, esgrima, fútbol, hockey, pádel ou piragüismo. Así o explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que ambas as dúas relacións de beneficiarios das axudas deportivas, de concorrencia competitiva, serán publicadas na páxina web do Concello (www.lugo.gal [1])
Así mesmo, na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno acordou a prórroga de tres contratos de servizos, dous deles para manter os programas de conciliación familiar e laboral Unha Escola Aberta e Aprende Xogando, e o terceiro para a atención do centro de día municipal Novo Antonio Gandoy.
En canto ao programa Unha Escola Aberta, prorrógase o contrato con A Billarda por un ano, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2016, por importe de 203.500 euros; e para Aprende Xogando -as ociotecas dos centros Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, María Balteira e A Milagrosa- prorrogouse o contrato coa Fundación Camiña Social por 5 meses, de xaneiro a maio de 2016, por 43.500 euros. A prórroga do servizo no Novo Antonio Gandoy é por tres meses –de xaneiro a marzo- por 85.200 euros.
Neste senso, o voceiro do Goberno lembrou que, segundo unha nota explicativa emitida recentemente polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, “as competencias en materia de educación, servizos sociais e atención primaria da saúde seguirán sendo dos concellos mentres non sexan aprobadas as normas reguladoras do novo sistema de financiamento autonómico e local”. Deste xeito, “o Concello de Lugo decidiu manter as actividades dos programas Unha Escola Aberta, Aprende Xogando e do centro de día Antonio Gandoy”, indicou.
Apoio á lingua galega
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de dúas subvencións en apoio á lingua galega: á Asociación Cultural Correlingua por importe de 3.600 euros para a organización da recoñecida carreira para fomentar o uso do galego coa participación dos colexios, e á Asociación de Escritores en Lingua Galega, por 2.500 euros co fin de colaborar coa organización da Gala das Letras-Premios en lingua galega.
Audio
- Miguel Fernández, sobre as axudas ao deporte |Descargar mp3 [2]