A Alcaldesa comprométese a avanzar na eliminación das barreiras de integración das persoas con deficiencia auditiva de Lugo
Lara Méndez mantivo un encontro con representantes de ASORLU, no que lles avanzou a incorporación de subtítulos ás mostras e exposicións dos 6 museos municipais
- Tema
- Alcaldía,
- Accesibilidade,
- Inclusión,
- Diversidade funcional
A Alcaldesa, Lara Méndez, dentro da súa rolda de encontros con colectivos sociais e empresariais da cidade, mantivo este luns unha reunión co presidente da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU), Brais Vila, unha Organización Non Gubernamental de ámbito provincial que busca mellorar a calidade de vida das persoas con deficiencia auditiva de Lugo, favorecendo a súa integración social, educativa, laboral e cultural, ademais de reivindicar os seus dereitos. Ao encontro tamén asistiron outros representantes deste colectivo.
Na reunión, a rexedora expresou a vontade do Goberno de avanzar na eliminación de barreiras de integración, así como de manter a estreita colaboración municipal coa gran labor de ASORLU, á que o Concello outorga neste 2015 unha axuda económica de 9.500 euros, destinados ao servizo de intérprete de linguaxe de signos. Neste senso, a Alcaldesa lembrou que o Concello conta con este servizo en actos insitucionais, como o pregón do San Froilán, actos do Arde Lvcvs ou presentación de publicacións, entre outros.
Lara Méndez aproveitou a ocasión para avanzarlle ao colectivo que o Concello dotará de subtítulos ás mostras e exposicións dos 6 museos municipais, “un paso máis para a integración real e efectiva das persoas con deficiencia auditiva”.