A XXII Carreira Popular Lugo Monumental encara a recta final das inscricións e introduce un cambio horario excepcional o 21 de decembro
As inscricións permanecerán abertas ata o domingo 14 e a proba rolda xa o milleiro de participantes entre todas as categorías.
A saída da categoría absoluta adiántase ás 10:30 horas para compatibilizar o dispositivo coa mobilidade previa ao encontro do Río Breogán.
“A Lugo Monumental é unha carreira única, que combina deporte, convivencia e a posta en valor do noso patrimonio”, destaca o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos.
- Tema
- Benestar social,
- Animación sociocultural,
- Deportes

A XXII edición da Carreira Popular Lugo Monumental celebrarase o vindeiro domingo 21 de decembro, mantendo o circuíto habitual de 10 quilómetros con saída e chegada na Avenida Ramón Ferreiro, á altura da Praza Horta do Seminario. A proba, organizada polo Concello de Lugo e patrocinada por CaixaBank, afronta os últimos días de inscrición —que permanecerán abertas ata o domingo 14— e rolda xa o milleiro de persoas inscritas, unha cifra que continúa en ascenso a medida que se achega o peche do prazo.
O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, destacou que “a Lugo Monumental é unha carreira única, que combina deporte, convivencia e a posta en valor do noso patrimonio”, engadindo que “chegar ás 22 edicións confirma o enorme arraigo desta cita e o compromiso do Concello con seguir potenciando un evento que mobiliza a milleiros de persoas e dinamiza Lugo cada mes de decembro”.
O edil explicou que nesta edición se adianta de maneira excepcional a saída da proba absoluta ás 10:30 horas, fronte ao horario habitual, tras as primeiras reunións de coordinación coa Policía Local. “Era necesario anticipar a saída para minimizar afectacións e garantir que tanto corredores como afeccionados ao baloncesto poidan desprazarse con seguridade antes do partido do Río Breogán”, apuntou Bustos. As categorías menores manterán o seu horario tradicional, dando comezo ás 10:00 horas.
Percorrido consolidado e atractivo do adarve
O trazado non experimenta variacións respecto a anos anteriores, un circuíto xa consolidado tanto pola comodidade organizativa como pola boa acollida da comunidade deportiva. A primeira volta discorrerá polo perímetro exterior da Muralla, mentres que a segunda incluirá o tramo polo adarve, un dos símbolos desta proba. Bustos destacou que “o paso polo adarve é un dos elementos máis valorados polos corredores, especialmente polos que veñen de fóra; é o que dá carácter á proba e a convierte nunha experiencia singular”.
Co ritmo actual de inscricións, estímase que a carreira absoluta poida aproximarse ao límite de 1.300 prazas establecido pola organización, mentres que nas categorías menores —de inscrición gratuíta— non se prevé superar os 600 participantes. “Esta resposta sitúa unha vez máis a Lugo Monumental entre as carreiras máis concorridas de Galicia”, valorou o concelleiro.
A recollida de dorsais realizarase en Ndorfina Sports (Campo Castelo) o xoves 18, venres 19 e sábado 20 para os participantes residentes en Lugo, reservándose un horario reducido na mañá do domingo 21 para atletas foráneos. “Queremos facilitar ao máximo a participación de quen se despraza ata Lugo para gozar desta carreira”, engadiu Bustos.
No relativo ao tráfico, o sábado 20 cortarase desde as 12:00 horas o tramo da Avenida Ramón Ferreiro anexo á Horta do Seminario para iniciar o montaxe da zona de saída e meta. O domingo 21, a partir das 09:30 horas, activarase o peche do circuíto, afectando a Ramón Ferreiro, Rodríguez Mourelo, Rúa Vilalba, Ángel López Pérez, Ronda da Muralla —con zona de convivencia e desvíos controlados—, Puro Cora —mantendo un carril para vehículos mediante conos— e os tramos peonís de Pío XII, Bo Xesús, Praza de Santa María, Travesía Dean Fernández Varela, Rúa Clérigos e Bispo Aguirre. “A seguridade é prioritaria e o dispositivo deseñado coa Policía Local garante que a proba se desenvolva con normalidade e que a cidadanía poida moverse con tranquilidade”, subliñou Bustos.
A organización entregará medallas ás categorías menores ao cruzaren a meta. A celebración final terá lugar na Praza Horta do Seminario, onde se recoñecerán os tres primeiros clasificados de cada categoría —desde nacidos en 2018 ata Máster H—, ademais dos tres primeiros absolutos, que recibirán trofeo, medalla e un lote de produtos Torre de Nuñez, entidade que tamén sorteará agasallos entre os participantes que finalicen nos postos 500, 700, 1000 e 1200. Concederase tamén o Trofeo CaixaBank ás persoas máis veteranas en completar o percorrido e o Gran Premio Diario El Progreso aos mellores tempos na volta ao adarve. “Esta carreira non é só deporte: é un punto de encontro para a cidade e un motivo de orgullo colectivo”, concluíu o concelleiro.
Audio
- A XXII Carreira Popular Lugo Monumental encara a recta final das inscricións e introduce un cambio horario excepcional o 21 de decembro | Descargar mp3 [1]
