Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Xunta de Goberno Local reactiva a Mesa de Comercio, apoia a rehabilitación de vivendas no casco histórico e adxudica a cafetería do Miradoiro de Rosalía

A Xunta de Goberno Local reactiva a Mesa de Comercio, apoia a rehabilitación de vivendas no casco histórico e adxudica a cafetería do Miradoiro de Rosalía

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Desenvolvemento económico,
    • Economía,
    • Comercio,
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Luns, 01 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno Local reactiva a Mesa de Comercio, apoia a rehabilitación de vivendas no casco histórico e adxudica a cafetería do Miradoiro de Rosalía

Un dos asuntos que se abordou na xunta de goberno local foi aprobar a constitución da Mesa Local de Comercio de Lugo, que actuará como órgano consultivo e de coordinación para o fomento do sector comercial e a protección dos consumidores

Segundo consta a última sesión deste órgano celebrouse en novembro de 2021; o  actual goberno local promoverá a súa reactivación coa convocatoria da sesión constitutiva  para o vindeiro 9 de xuño. A Mesa contará coa participación da Federación de Comercio, a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Lugo Monumental, FACUA e representantes dos grupos municipais da corporación.

No ámbito da rehabilitación urbana, a Xunta de Goberno Local resolveu favorablemente a solicitude dunha bonificación fiscal vinculada á rehabilitación integral dun inmoble situado na rúa da Cruz.

A actuación permitiu recuperar un edificio destinado a catro vivendas e local comercial, cumprindo os requisitos establecidos para acceder ás bonificacións previstas no ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI). O acordo contempla a aplicación dunha bonificación do 50% no ICIO e na taxa urbanística, así como a devolución de 7.831,83 euros ao promotor, ademais dos xuros correspondentes.

Desde o goberno local destacan que este tipo de incentivos contribúen a favorecer a recuperación e rehabilitación de inmobles no centro histórico, promovendo a conservación do patrimonio edificado.

A sesión abordou tamén a adxudicación da concesión para a explotación da cafetería do Miradoiro do Parque Rosalía de Castro.

O procedemento, ao que concorreron dúas ofertas, rematou coa adxudicación a Aigor Romo Rodríguez por un canon de 1.650 euros mensuais, o que supón un ingreso anual para o Concello de 19.800 euros. A concesión terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de dez.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/xunta-de-goberno-local-reactiva-mesa-de-comercio-apoia-rehabilitacion-de-vivendas-no-casco