Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A Xunta de Goberno Local impulsa catro procesos para reforzar o persoal municipal e a atención cidadá

A Xunta de Goberno Local impulsa catro procesos para reforzar o persoal municipal e a atención cidadá

O Goberno local activa tres novas prazas incluídas na Oferta de Emprego Público 2025.

Confírmanse penalidades por máis de 31.000 euros na actuación da Praza de Santo Domingo e rúa Teatro do proxecto “Corazón Verde entre Murallas”.

A sesión abordou tamén actuacións en contratación, urbanismo e mantemento de infraestruturas municipais.

  • Tema
    • Emprego,
    • Políticas activas de emprego
Mércores, 01 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno Local impulsa catro procesos para reforzar o persoal municipal e a atención cidadá

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana un conxunto de acordos centrados no reforzo do persoal municipal, coa activación de tres novas prazas e a cobertura temporal doutro posto, así como outras actuacións en materia de contratación, urbanismo e seguimento de obras.

No ámbito de persoal, deuse luz verde ás bases específicas para a cobertura de tres prazas que permitirán avanzar na consolidación de emprego público e na mellora da prestación de servizos municipais en áreas clave.

En concreto, aprobouse a convocatoria dunha praza de ordenanza, pertencente á escala de Administración Xeral, subescala subalterna (grupo AP), mediante sistema de oposición e reservada á quenda de discapacidade intelectual. Trátase dun posto xa existente na Relación de Postos de Traballo e actualmente cuberto de forma interina no ámbito dos servizos sociais.

Así mesmo, aprobáronse as bases para unha praza de auxiliar administrativo/a, encadrada na escala de Administración Xeral, subescala auxiliar (grupo C2), tamén mediante oposición e dentro da quenda de discapacidade, coa finalidade de reforzar a estrutura administrativa municipal e a capacidade de atención á cidadanía.

No ámbito social, aprobouse unha praza de traballador/a social, pertencente á escala de Administración Especial, subescala técnica (grupo A2), que require titulación específica en traballo social e permitirá fortalecer a resposta municipal ante situacións de vulnerabilidade.

Estas prazas deberán executarse nun prazo máximo de tres anos, conforme ao establecido na Oferta de Emprego Público.

Ademais, acordouse a cobertura temporal dun posto de celador/a no CEIP As Mercedes mediante comisión de servizos, garantindo o funcionamento ordinario do centro educativo sen incremento de gasto, ao tratarse dun posto xa dotado orzamentariamente.

Penalidades na obra “Corazón Verde entre Murallas”

A Xunta de Goberno Local acordou desestimar o recurso presentado pola empresa contratista e confirmar a imposición de penalidades polo atraso na execución da obra “Corazón Verde entre Murallas” na actuación da Praza de Santo Domingo e rúa Teatro.

Estas penalidades ascenden a un total de 31.073,35 euros e derivan do incumprimento dos prazos contractuais, pese ás ampliacións concedidas durante a execución dos traballos. A obra foi finalmente recepcionada o 30 de outubro de 2025, tras sucesivas incidencias e atrasos, e a penalidade foi aplicada mediante a súa dedución da certificación final.

Outros asuntos aprobados

A sesión abordou tamén a aprobación do expediente para a subministración de grava e saburra destinada ao mantemento de camiños rurais, cun orzamento total de 106.200 euros, dividido en dous lotes e cun prazo de execución inicial dun ano, prorrogable por outro máis. Este contrato permitirá garantir unha resposta áxil ás necesidades de conservación da rede viaria rural.

No ámbito urbanístico, aprobouse a modificación da licenza para a adecuación dun edificio como residencia de persoas maiores na Avenida Carvalho Calero, unha actuación que permitirá ampliar a oferta de prazas asistenciais na cidade mediante a adaptación dun inmoble existente.

Así mesmo, tratáronse outros asuntos xa dados a coñecer publicamente, como a contratación do servizo de roza no medio rural ou a concesión da cafetería no Parque Rosalía de Castro, entre outros acordos de xestión ordinaria.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/xunta-de-goberno-local-impulsa-catro-procesos-para-reforzar-o-persoal-municipal-e-atencion