Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Xa está aberto o prazo para inscribirse nos cursos de informática do Telecentro do Castiñeiro para o mes de outubro

Xa está aberto o prazo para inscribirse nos cursos de informática do Telecentro do Castiñeiro para o mes de outubro

Luns, 17 de setembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, que dirixe Francisco Fraga, abriu o prazo para inscribirse nos cursos que se celebrarán durante o mes de outubro no Telecentro do Castiñeiro. Para anotarse hai que chamar ao teléfono de atención cidadá 010 do Concello de Lugo.

Neste telecentro estase a realizar unha programación de cursos mensuais ó longo do ano. Durante o mes de outubro haberá cursos de: Informática, Internet Avanzado, Fotografía Dixital, DNI-e e Administración electrónica ou Creación Web.

Como novidade no mes de outubro impartirase o curso Creación Web, no que as persoas asistentes aprenderán a elaborar páxinas web a través de diversas ferramentas e coñecerán a linguaxe de programación.

Desta maneira na Aula Multimedia do Castiñeiro séguese levando a cabo unha programación formativa dirixida a toda a poboación. Os beneficiarios destes cursos son, sobre todo, xente con idades comprendidas entre 45 e 75 anos e persoas desempregadas, que queren ter máis formación á hora de buscar traballo.

As actividades que se levan a cabo no Telecentro do Castiñeiro están a ter moito éxito, posto que na maioría dos cursos complétanse tódalas prazas e algúns teñen persoas en lista de agarda.

Con iniciativas como esta o Concello pretende achegar a tódolos veciños e veciñas de Lugo o uso das novas tecnoloxías, ensinándolles as vantaxes da súa utilización nas súas prácticas diarias e os beneficios que poden proporcionarlles ás súas vidas.

Coñeza a Aula Multimedia do Castiñeiro, o programa dos cursos e as normas de inscrición [1].

 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/xa-esta-aberto-o-prazo-para-inscribirse-nos-cursos-de-informatica-do-telecentro-do-castineiro

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.es/cs/Satellite?c=Spark_Centros&cid=1227494588694&idSeccion=1227494587586&idioma=gl&nombreSitio=Rede+de+Telecentros+Municipais&pagename=Lugo%2FSpark_Centros%2FLugoCentroSocialDetalle&tipoSeccion=Spark_SecNivel3