Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Volve a Lugo o gran tenor inglés Mark Padmore para comezar un novo proxecto do Festival de Música Cidade de Lugo arredor dos ciclos de cancións de Benjamin Britten

Volve a Lugo o gran tenor inglés Mark Padmore para comezar un novo proxecto do Festival de Música Cidade de Lugo arredor dos ciclos de cancións de Benjamin Britten

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Luns, 02 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá martes, 3 de xuño, terá lugar no auditorio do Conservatorio Profesional de Música a partir das 20:30 horas un novo concerto do Festival de Música Cidade de Lugo organizado pola Concellería de Cultura e Turismo. Esta cita contará co protagonismo de dous dos grandes nomes do festival: os do famoso tenor Mark Padmore e o do pianista Roger Vignoles.

Despois da inmellorable imaxe que deixou hai dous anos cantando o ciclo A fermosa muiñeira de Schubert, o tenor inglés Mark Padmore volve a Lugo para iniciar un novo proxecto do festival en torno aos ciclos de cancións de Benjamin Britten (o máis destacado e orixinal compositor inglés do século XX). Acompañado dende o piano por un vello coñecido do público galego e lucense, o seu compatriota Roger Vignoles, cantará os Sonetos de John Donne e o ciclo Winter words, ademais dunha selección de cancións populares inglesas arranxadas por Britten. Sen dúbida unha inmellorable oportunidade e un interesantísimo e infrecuente programa para encontrarse con dous dos artistas con máis personalidade, sensibilidade e experiencia que se poden atopar hoxe en día para escoitar canción inglesa.

A entrada é libre até completar o aforo de cada lugar, como é costume, para todos os concertos do festival.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/volve-lugo-o-gran-tenor-ingles-mark-padmore-para-comezar-un-novo-proxecto-do-festival-de