Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Uxía presenta o seu novo traballo este xoves no Círculo das Artes de Lugo

Uxía presenta o seu novo traballo este xoves no Círculo das Artes de Lugo

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Mércores, 21 de xaneiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A cantante galega Uxía ofrecerá este xoves 22 un concerto ás 21:00 horas no Salón Rexio do Círculo das Artes, para presentar o seu disco titulado ‘Eterno Navegar’. A artista abre así a segunda edición do ciclo Lubicán, dentro da programación do Convenio Lugo Cultural, no que están integrados a USC, o Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.

Trátase do primeiro concerto que celebra este ciclo no 2009, que manterá a súa cita cada cuarto xoves de mes para ofrecer ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.

Máis de vinte anos de carreira artística converten esta cantante nunha das voces máis populares e valoradas da lingua galega. Nas súas cancións está sempre presente a música tradicional, cun tratamento anovador e persoal. Neste novo traballo mestura sonoridades atlánticas e ritmos africanos co seu estilo intimista. Uxía estará acompañada de Quine (Joaquim Teles), Xacobe Martínez, Santiago Cribeiro e Paulo Borges.

Os concertos do ciclo Lubicán continuarán o 26 de febreiro coa actuación do Trío Vaamonde, na Escola de Formación do Profesorado.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/uxia-presenta-o-seu-novo-traballo-este-xoves-no-circulo-das-artes-de-lugo-0