Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Urbanismo avanza na creación da Rolda Interior da Muralla coa limpeza de varias parcela en Clérigos

Urbanismo avanza na creación da Rolda Interior da Muralla coa limpeza de varias parcela en Clérigos

Os traballos, que se desenvolverán na xornada de hoxe, inclúen a roza de dous soares municipais e un intermedio de titularidade privada, logo de chegar a acordo cos propietarios para a súa cesión

O Concello continúa, así, coa folla de ruta establecida polo goberno de Lara Méndez, para recuperar este espazo para a cidadanía poñendo, ademais, en valor o patrimonio local

  • Tema
    • Obras en execución,
    • Medio ambiente,
    • Urbanismo
Martes, 30 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo avanza na creación da Rolda Interior da Muralla coa limpeza de varias parcela en Clérigos

A área de Urbanismo Sostible avanza na creación do paseo interior da Muralla.

Esta mañá operarios do servizo de limpeza accedían ao predio a través dun inmoble da rúa Clérigos para acometar a roza e acondicionamento de dúas parcelas municipais e outra intermedia de titularidade privada.

“Os traballos, que se prevé rematen xa nesta mesma xornada, consistirán na retirada de toda a maleza que foi crecendo no terreo. En total, unha extensión de 913 m², aproximadamente, sobre a que, a continuación, queremos proceder a un levantamento topográfico co fin de recuperar este treito do monumento para abrilo ao público”, explicou o edil.

Miguel Couto sinalou que, deste xeito, “o Concello continúa coa folla de ruta establecida polo goberno de Lara Méndez para incorporar a rolda interior ao patrimonio inmaterial da cidade e facelo accesible a toda a veciñanza ao mesmo tempo que se pon en valor”.

O concelleiro quixo destacar igualmente a boa acollida que esta iniciativa municipal tivo entre os propietarios das edificacións situadas ao carón do monumento bimilenario. “De feito, a intervención de hoxe pode executarse logo de chegar a un principio de acordo cos donos do soar que deron a súa conformidade á posterior cesión do mesmo co fin de incorporalo ao espazo público”.

“Temos que salientar que, pola súa parte, a receptividade é máxima e están sendo todo facilidades para que poidamos continuar progresando na materialización do proxecto que posibilitará non só camiñar polo adarve da Muralla senón tamén circular polo seu envés entre porta e porta”, subliñou.

Miguel Couto trasladou asemade que o seu departamento está, tamén, a planificar o deseño doutras unidades de intervención nas que se prevé levar cara a construción romana zonas verdes e dotacionais como pode ser o caso da bolsa de chan situada entre a Tinería e o hospital Ollos Grandes.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a limpeza da parcela na Rolda interior I | Descargar mp3 [1]
  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a limpeza da parcela na Rolda interior II | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/urbanismo-avanza-na-creacion-da-rolda-interior-da-muralla-coa-limpeza-de-varias-parcela-en

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/300620_miguel_couto_-_limpeza_parcela_rolda_interior_i.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/300620_miguel_couto_-_limpeza_parcela_rolda_interior_ii.mp3