Unhas 850 persoas beneficiáronse das accións e proxectos de orientación laboral do Espazo>Lab no 2015
No pasado ano, este servizo levou a cabo os proxectos Lugo Emprego Activo 2, Lugoquálitas 3 e Lucus Mundi, así como accións formativas. Realizáronse 26 cursos e 155 obradoiros de formación
En canto a Europe Direct, organizou talleres e actividades con motivo da semana do emprego, do Día de Europa e o Día Europeo das Linguas, accións que rexistraron unha participación de preto de 3.500 asistentes
- Tema
- Desenvolvemento local,
- Emprego,
- Emprendemento,
- Orientación laboral,
- Fomento do emprego
Unhas 850 persoas beneficiáronse das accións e proxectos de orientación do Espazo>Lab no 2015, un centro ubicado no CEI-NODUS que presta un servizo integral de información, formación e orientación laboral a toda a poboación lucense, ben realizando prácticas en países europeos (31) ou accións formativas (580), así como recibindo asesoramento para a confección do seu currículo (237).
No pasado ano, este servizo dependente da Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, que dirixe Ana Prieto, levou a cabo catro proxectos de formación e emprego, Lugo Emprego Activo 2, Lugoquálitas 3 e Lucus Mundi, así como accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas desempregadas.
A través destes proxectos realizáronse 26 cursos de formación e 155 obradoiros de formación transversal de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e en institucións sociais, enquisador, monitor de turismo activo, coidador de persoas dependentes e enfermas de Alzheimer, técnico en transporte sanitario, operacións básicas de cátering e de restaurante e bar, instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes, elaborador de produtos lácteos, acabado de carpintería e moble, impresión dixital, monitor de ludotecas e operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas.
Ademais, o Espazo>Lab acolleu tres reunións do Pacto Local de Emprego, do que forman parte os sindicatos, organizacións empresariais e entidades comprometidas co emprego como Cruz Vermella e Cogami, así como 6 reunións do Consorcio do proxecto Lucus Mundi, ao que pertencen os institutos Muralla Romana, Sanxillao, Politécnico de Lugo e a Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón e unha xornada de difusión de boas prácticas no emprego, na que participaron representantes doutras administracións que teñen en marcha programas de emprego e formación, como a Deputación de Lugo e a de Cáceres, e os concellos de Ourense e Vigo.
Centro de Europe Direct
En canto a Europe Direct, o centro dende o que se presta información sobre proxectos ou iniciativas europeas, realizáronse 5 talleres con motivo da semana do emprego, nos que participaron unhas 210 persoas. Para conmemorar o Día de Europa e o Día Europeo das linguas, organizáronse unha serie de actividades durante 4 días, accións que rexistraron unha participación de 3.200 asistentes. A maiores, convocouse un concurso de fotografía e participouse en encontros de redes de información europea.
En canto a Europe Direct-Lugo en internet e redes sociais, a páxina web rexistrou máis de 183.200 visitas, tendo a conta de facebook preto de 1.400 seguidores e a de twitter, 550.
A oficina de Europe Direct-Lugo xa ten consolidada a súa función na cidade, ofrecendo un servizo rápido, directo e accesible para achegarse á Unión Europea desde Lugo.