Unhas 25 persoas ao día empregan o centro social de Fingoi como espacio autoxestionado, dándolle novos usos ás dotacións públicas
O novo programa púxose en marcha o 27 de xaneiro pasado e na actualidade xa funciona como punto de encontro interxeracional entre a mocidade e persoas maiores.
A concelleira de Cohesión Social sinala que deste xeito “dimos resposta á demanda que existía de zonas de lecer ao tempo que aproveitamos mellor estes espazos municipais”.
Cada grupo designa un representante que debe asinar un contrato de convivencia para garantir o bo uso, a limpeza e o coidado das instalacións do centro social de Fingoi.
- Tema
- Benestar social,
- Centros sociais,
- Desenvolvemento social,
- Servizos sociais,
- Desenvolvemento local

Co obxectivo de dar novos usos ás dotacións municipais, o pasado 27 de xaneiro a concellería de Cohesión Social puxo en marcha un novo programa de espacios autoxestionados no centro de convivencia de Fingoi. O balance en pouco máis de dous meses non puido ser máis positivo e na actualidade, explica a edil desta área, Olga López Racamonde, “hai unha media de 20 a 30 persoas ao día que empregan este centro social, que se está a converter nun punto de encontro interxeracional, nun claro exemplo de mellor aproveitamento dos nosos recursos públicos, para favorecer a conciliación e dar resposta ás demandas de máis espazos de lecer e de puntos de encontro para as e os lucenses”.
Segundo explican desde a área de Cohesión Social, o persoal do centro detectou que ao longo do día e durante a semana lectiva, un grupo de mozas e mozos do instituto de Fingoi de bacharelato empregaban as instalacións do centro social durante o recreo e despois das clases. Á mocidade se sumaban tamén, principalmente en horario de tarde, persoas maiores que acoden practicamente a diario a xogar a partida, á sala de xogos deste centro. Por este motivo desde a área que dirixe Olga López Racamonde se ideou a posibilidade de aproveitar recursos municipais, como a sala onde estaba a antiga cafetería deste centro, pechada desde hai anos por falta de solicitudes para facerse cargo de dita concesión.
A edil de Cohesión Social e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, percorreron esta semana as instalacións do centro para coñecer a boa marcha do denominado espazo autoxestionado, falar cos usuarios das distintas salas e coñecer a opinión do persoal municipal que se encarga deste centro, que aseguran que “a resposta da mocidade está a ser moi boa. Cumpren as normas establecidas, coidan desta sala e ocúpanse de mantela limpa e en bo estado”.
Para o alcalde de Lugo, “estes espazos autoxestionados contribúen á toma de decisións democráticas, ao respecto polas propiedades e instalacións públicas, ao tempo que procuramos un ambiente de bo clima social e puntos de encontro nos que pasar o tempo de lecer”. Hai que lembrar que ao tratarse da antiga cafetería, a sala dispón de barra e cafetería, mesas e cadeiras e un futbolín.
Unha vez comprobada a demanda destas instalacións e as posibilidades de abrilas ao público, o Goberno Local puxo en marcha, a finais de xaneiro pasado, esta sala autoxestionada, así como o establecemento de contratos de convivencia para o seu uso adecuado. En dito contrato, os grupos de usuarios e usuarias deben designar un representante, que ten a función de comunicarse coa animadora sociocultural. Dito representante forma un equipo de autoxestión, no que cada persoa ten unha tarefa diferente para, en definitiva, responsabilizarse do bo uso tanto destes espacios como dos seus recursos. Ditas tarefas abranguen a compra de produtos, a súa ordenación e etiquetado por parte de cada grupo e a recollida e limpeza dos espazos despois do seu uso.
Ademais destas responsabilidades, no contrato de convivencia que deben asinar os responsables dos grupos de usuarios, adquiren o compromiso de respectar as normas e as condutas adecuadas, que favorezan a convivencia co resto de usuarios e usuarias e tamén co persoal municipal deste centro social.
Audio
- A edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre os espazos autoxestionados en Fingoi |Descargar mp3 [1]
