Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Unha xornada demoday amosa os proxectos empresariais de 20 emprededores lucenses dentro do plan Inicia Coworking

Unha xornada demoday amosa os proxectos empresariais de 20 emprededores lucenses dentro do plan Inicia Coworking

Ana Prieto, Sonsoles López e Roberto Touza saudaron ás persoas asistentes á xornada, coa que se clausurou a primeira fase do programa desenvolto nas instalacións do CEI Nodus durante os últimos cinco meses

Segue aberto o prazo para anotarse na segunda convocatoria deste plan, da que poderán beneficiarse outros 20 emprendedores, a través da web www.lugo.gal [1] ata o 23 de xuño

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Emprendemento
Xoves, 08 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha xornada demoday amosa os proxectos empresariais de 20 emprededores lucenses dentro do plan Inicia Coworking

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, e o mentor desta iniciativa, Roberto Touza, saudaron este xoves no MIHL ás persoas asistentes á xornada demoday, na que os vinte emprendedores lucenses amosaron os seus proxectos empresariais, levados a cabo dentro do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking.

Ana Prieto subliñou que “para o Concello o emprego é algo fundamental, ao igual que apoiar a cultura do emprendemento, que é de vital importancia para o tecido socioeconómico do noso municipio”. A edil tamén fixo mención a outras medidas a favor da empregabilidade levadas a cabo pola entidade local, como o plan de emprego 100% municipal, (Con) trato feito!, os obradoiros Emprega-TIC, ou Plan Mellora Lugo, entre outras iniciativas.

Pola súa banda, Sonsoles López lembrou que “a Deputación, a través da Fundación TIC, colaborou con este proxecto coa gravación dun vídeo promocional desta primeira edición, onde os protagonistas foron os 20 emprendedores participantes”. Tamén destacou a importancia de apoiar aos emprendedores e ás PEMES, que xeran o 70% do emprego no país.

Nesta xornada todos os emprendedores expuxeron ante o tecido empresarial os seus proxectos, o que lles supuxo unha plataforma de lanzamento fundamental, e que contou coa presenza do prestixioso economista Emilio Duró, que ofreceu a conferencia de motivación Non vale renderse.

Deste xeito, clausurouse a primeira fase deste plan, que se desenvolveu nas instalacións do CEI Nodus durante os últimos cinco meses, permitindo poñer en marcha un total de 20 proxectos, a maior parte deles relacionados coas novas tecnoloxías, turismo e consultoría.

Ademais, segue aberta a segunda convocatoria do Inicia Coworking, da que se beneficiarán outros 20 emprendedores. As persoas interesadas poden solicitar a súa participación a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal [2], ata o vindeiro 23 de xuño. O próximo ano abriranse dúas convocatorias máis, coas que se ofrecerá apoio a outros 40 emprendedores.

O programa Coworking, totalmente gratuíto para as persoas beneficiarias, enmárcase na aposta do Goberno local pola empregabilidade de calidade no municipio. Ten un orzamento conxunto de 800.000 euros, para o que a EOI achega o 80%, é dicir, 640.000 euros, que á súa vez proceden do Fondo Social Europeo, e o Concello o 20% restante, 160.000 euros de fondos propios, 40.000 en cada unha das catro edicións.

 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/unha-xornada-demoday-amosa-os-proxectos-empresariais-de-20-emprededores-lucenses-dentro-do

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal
[2] http://www.lugo.gal/