Unha xornada de portas abertas no Coliving do Carmen achega á cidadanía e ao sector cultural o proceso creativo dos artistas residentes
As instalacións do CAM acollen na tarde de mañá, das 17.00 ás 19.30 horas, un encontro interactivo, que servirá para coñecer a marcha dos proxectos artísticos seleccionados.
O Coliving Municipal reafirma así o seu papel como espazo vivo, accesible e de referencia na dinamización cultural e no impulso da creación contemporánea.
As tres persoas seleccionadas nas primeiras residencias artísticas no CAM, impulsadas pola área de Dinamización Económica, rematarán os seus traballos a finais de abril.
- Tema
- Animación sociocultural,
- Servizos sociais,
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Xestión cultural

Co obxectivo de achegar á cidadanía, e en especial ao sector cultural lucense, o que se está a facer nas primeiras residencias artísticas do Coliving Municipal do Carme, na tarde de mañá, estas instalacións acollen unha xornada de portas abertas, na que será posible acceder aos estudios das tres persoas seleccionadas nestas primeiras residencias artísticas, observar os seus respectivos procesos creativos e achegarse a súa obra, nunha oportunidade de coñecer o que hai detrás destes proxectos, conversando cos propios artistas. Esta iniciativa enmárcase na programación pública das residencias artísticas e responde á vocación do CAM Lugo de ser un espazo accesible, participativo e conectado coa cidade.
Desde ás 17.00 ás 19.30 horas, o público poderá visitar os espazos de traballo, coñecer os proxectos en desenvolvemento e dialogar directamente cos artistas, descubrindo non só as obras finais, senón tamén os procesos, investigacións e experimentacións que forman parte do seu día a día. Ademais, a xornada pretende fortalecer o vínculo entre os artistas residentes e a sociedade lucense, impulsando o diálogo, o intercambio de ideas e a participación directa das persoas asistentes. As tres persoas seleccionadas nas primeiras residencias artísticas no CAM, impulsadas pola área de Dinamización Económica, rematarán os seus traballos a finais de abril.
O CAM Lugo reafirma así o seu papel como espazo vivo, accesible e de referencia na dinamización cultural e no impulso da creación contemporánea, invitando a toda a cidadanía a formar parte deste proceso creativo.
A primeira edición das residencias artísticas do Coliving do Carme púxose en marcha a primeiros de ano, impulsando un proxecto pioneiro a nivel municipal que busca a posta en valor do arte, vinculado ao patrimonio rural e á riqueza natural do municipio de Lugo. Ata finais de abril, os tres artistas seleccionados para esta beca municipal, un artesán de Ourense, e dúas artistas multidisciplinares de A Coruña e Cantabria, desenvolven as súas propostas, caracterizadas pola mestura de varias disciplinas.
Con estas residencias artísticas o Concello vai un paso máis aló na súa aposta polo emprendemento e a innovación, levando estes obxectivos ao plano artístico e creativo, ao mesmo tempo que ábrese á innovación cultural no ámbito municipal a nivel nacional.
Nesta primeira edición foron seleccionados de entre 27 proxectos os que presentaron Álvaro Corral, de Ourense; María Susinos, de Cantabria; e Marta Cuba, de A Coruña. A proposta ‘Cancela Fermosista’, de Álvaro Corral, investiga os discursos de bordado e artesanía tradicional galega para realizar unha intervención in-situ no CAM, creando unha produción fabricada con bordado de fío de metal, entre outros materiais. ‘Lluvia templada’ é o título do proxecto de María Susinos, quen presenta un proxecto pictórico vinculado tamén coa expresión literaria, co que explorar espazos de ensoño, imaxinando unha pintura pluvial sobre liño, asociada á terra galega. Por último, o proxecto de Marta Cuba, titulado ‘Venera’, presenta unha instalación na que terán cabida bordado e danza, dando especial importancia aos simbolismos de xardín como unha dimensión que une o humano co transcendente, separado por veos.
Con esta xornada de portas abertas cúmprense un dos obxectivos das residencias artísticas do CAM, como é a de darlle visibilidade ao traballo destes creadores, integrándoos no tecido cultural, artístico e educativo da cidade, con distintas actividades.
