Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Unha media de 600 persoas acudiron a cada unha das sete representacións da Mostra de Teatro Clásico

Unha media de 600 persoas acudiron a cada unha das sete representacións da Mostra de Teatro Clásico

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Unha media de 600 persoas acudiron a cada unha das sete representacións da Mostra de Teatro Clásico, que remataron o luns coa posta en escea de El Trovador. Esa convocatoria está organizada dentro do convenio semestral de colaboración en materia de cultura entre o Concello de Lugo e Caixanova.

Segundo indicou a Concelleira, trátase dunha porcentaxe de público que pon de manifesto “que os certames teatrais están xa consolidados”. Fixo referencia a que algúns centros escolares de Secundaria de Galicia aproveitaron a Mostra para achegar aos seus alumnos ao Teatro Clásico de calidade.

As obras de teatro máis vistas foron Ricardo III, a obra que abriu o programa, e Macbeth, de Sarabela Teatro, unha obra feita por un grupo galego e en galego. “Pode verse niso que o público está cambiando e que xa non ten medo de asistir a unha obra dun claro matiz galego”, dixo.

Engadiu tamén que a calidade das obras, e en especial a de Sarabela Teatro, significou o empuxe necesario para as cifras que se manexaron este ano en número de público.

A Concelleira indicou que nas distintas edicións de mostras e certames seguirase a traballar nesta dinámica de traer a calidade aos escearios lucenses e a prezos populares.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/unha-media-de-600-persoas-acudiron-cada-unha-das-sete-representacions-da-mostra-de-teatro-0