Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Unanimidade ao suplemento de crédito co que o Executivo de Lara Méndez poderá licitar a subsanación das deficiencias do Auditorio

Unanimidade ao suplemento de crédito co que o Executivo de Lara Méndez poderá licitar a subsanación das deficiencias do Auditorio

Toda a Corporación validou esta mañá incorporar 1’5 millóns de euros para facer fronte ao arranxo dos danos que presenta a construción e para contribuír a financiar a reparación da cuberta da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico,
    • Subvencións municipais,
    • Infraestruturas
Xoves, 30 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unanimidade ao suplemento de crédito co que o Executivo de Lara Méndez poderá licitar a subsanación das deficiencias do Auditorio

O Pleno do Concello de Lugo autorizou esta mañá, por unanimidade, un suplemento de crédito, por importe de 1.525.835 €, co que o Executivo de Lara Méndez poderá licitar proximamente o contrato para subsanar as múltiples deficiencias das que adoece o novo Auditorio de Lugo e que impiden a súa apertura ao público en condicións de seguridade.

A adxudicación incluirá o arranxo dos numerosos danos que presenta o inmoble, froito dos problemas estruturais e construtivos que padece, así como da falta de mantemento durante os catro anos que a Xunta de Galicia tardou e entregar a instalación cultural, xa executada, ao Concello.

Durante o debate, a propia rexedora clarificou que, ante a negativa da Xunta a recoller na Acta de Recepción cales eran os fallos detectados polos técnicos municipais, todas esas carencias lle foron remitidas ao ente autonómico nun escrito mentres que a tenenta de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, lembrou algún deses defectos como a inexistencia de saída de fumes na zona do restaurante e a cociña. “Mesmo o sentido do seu voto é un recoñecemento tácito da existencia de todos eses fallos”, engadiu a edil.

Alén de todas estas patoloxías, as obras abranguerán, así mesmo, a urbanización do exterior da dotación que presenta importantes eivas en materia de accesibilidade e seguridade cidadá.

Coa partida habilitada hoxe a Administración local contribuirá, tamén, a financiar a reparación da cuberta da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo cunha achega de 38.934 €.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a recepción do Auditorio | Descargar mp3 [1]
  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as cifras do Auditorio | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/unanimidade-ao-suplemento-de-credito-co-que-o-executivo-de-lara-mendez-podera-licitar

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/300622_lara_mendez_-_recepcion_do_auditorio.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/300622_paula_alvarellos_-_cifras_do_auditorio.mp3