Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Un obradoiro de creatividade musical e un curso de tenis de mesa son as novas propostas gratuítas de Xuventude para a mocidade lucense

Un obradoiro de creatividade musical e un curso de tenis de mesa son as novas propostas gratuítas de Xuventude para a mocidade lucense

Estas actividades enmárcanse na programación do +XTi, coa que o Executivo Municipal busca ofrecer alternativas de ocio saudables e didácticas aos mozos e mozas da cidade.

Jorge Bustos: “Buscamos fomentar a socialización entre a mocidade lucense, o traballo en equipo e a adquisición de habilidades que lles poidan ser útiles no seu futuro”.

Toda a información pode atoparse en: https://www.lugomasxti.org/actividades-xti-2024/ [1]

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Educación,
    • Formación,
    • Xuventude,
    • Programas xuvenís
Luns, 26 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Un obradoiro de creatividade musical e un curso de tenis de mesa son as novas propostas gratuítas de Xuventude para a mocidade lucense

A concellería de Xuventude, que dirixe o edil Jorge Bustos, porá en marcha no mes de marzo dúas novas actividades gratuítas dirixidas á mocidade lucense e enmarcadas no programa +XTi, cofinanciado polo Ministerio de Sanidade, a través do Plan Nacional sobre Drogas. Trátase dun obradoiro musical baixo o título “Ritmo, percusión e acción”, que terá lugar na Escola Heiko, e un curso de tenis de mesa, que se celebrará na Casa da Xuventude.

Neste senso, Jorge Bustos lembrou que “a través desta programación buscamos ofrecer alternativas de ocio saudables e didácticas aos mozos e mozas da cidade, achegando un amplo abano de posibilidades con propostas para todos os gustos e rangos de idade”. “Tamén buscamos fomentar a socialización da xuventude lucense, o traballo en equipo e a adquisición de novas habilidades que lles poidan ser útiles no seu futuro ou á hora de acceder ao mercado de traballo”, engadiu.

O obradoiro musical celebrarase todos os martes e venres, das 16:00 ás 18:00 horas, dende o martes 12 marzo ata o 10 de maio. Trátase dunha actividade que combina varias propostas creativas ao redor da música e que está dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 17 anos, co obxectivo de darlles a posibilidade de profundizar nesta materia con profesionais do ámbito da música, o baile, e as coreografías.

As inscricións para participar poden realizarse no email heiko@musicaeduca.es [2], no teléfono 687 582 559 ou ben presencialmente no local da Escola Eiko, situado na Estrada da Granxa nº29, do 1 ao 8 de marzo. En total, haberá 50 prazas dispoñibles que se irán reservando por rigorosa orde de entrada das solicitudes.

Por outra banda, a actividade de tenis de mesa que se desenvolverá na Casa da Xuventude, é unha iniciativa que se leva realizando dende hai varios anos con gran éxito, dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos. Terá lugar os venres pola tarde, de 18:00 a 21:00 horas; e os sábados en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas, durante os meses de marzo, abril e maio, cun total de 15 prazas por día. As inscricións para participar na mesma poderán realizarse nas propias instalacións, cos responsables de impartir as clases.

Toda a información sobre a programación do +XTi pode atoparse na páxina web: https://www.lugomasxti.org/actividades-xti-2024/ [1]


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/un-obradoiro-de-creatividade-musical-e-un-curso-de-tenis-de-mesa-son-novas-propostas-gratuitas

Ligazóns:
[1] https://www.lugomasxti.org/actividades-xti-2024/
[2] mailto:heiko@musicaeduca.es