Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Un dispositivo eficaz e con visión global en tempo real: o Executivo de Paula Alvarellos impulsa a contratación dun centro de control móbil da Policia Local para o San Froilán

Un dispositivo eficaz e con visión global en tempo real: o Executivo de Paula Alvarellos impulsa a contratación dun centro de control móbil da Policia Local para o San Froilán

O Goberno local busca supervisar o recinto en tempo real, reducindo o tempo de resposta ante posibles incidencias.

As cámaras situadas en puntos estratéxicos facilitarán a mobilización dos axentes nas horas de maior afluencia.

“É como ter un policía en cada punto ao mesmo tempo, velando pola seguridade para desfrutar dunhas festas marcadas pola concordia e a convivencia," afirmou a rexedora.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade,
    • Tráfico
Mércores, 18 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Un dispositivo eficaz e con visión global en tempo real: o Executivo de Paula Alvarellos impulsa a contratación dun centro de control móbil da Policia Local para o San Froilán

O executivo de Paula Alvarellos impulsa a contratación dun centro de control móbil para reforzar o dispositivo de seguridade das festas do San Froilán. O obxectivo é dotar á Policía Local dunha ferramenta avanzada que permita supervisar o recinto en tempo real, reducindo o tempo de resposta ante calquera incidencia e facilitando unha intervención inmediata e precisa. "É como ter un par de ollos en cada punto do recinto, o que multiplica a nosa capacidade de resposta e prevención," afirmou a rexedora, Paula Alvarellos.

O Concello planea conectar este centro de control con cámaras estratéxicamente situadas en todo o recinto feiral e nas zonas máis sensibles do centro histórico, especialmente nos días e horas de maior afluencia de público. Esta monitorización permitirá previr concentracións masivas e ofrecer unha vixilancia máis efectiva. "O noso obxectivo é velar pola seguridade de todas e todos os cidadáns, para que poidamos desfrutar dunhas festas marcadas pola concordia e a convivencia," destacou Alvarellos.

Segundo o prego de contratación, o centro de control móbil deberá instalarse na Praza Horta do Seminario e estar equipado con sistemas de videovixilancia, incluíndo cámaras portátiles e fixas, que se conectarán ao centro para a súa visualización en tempo real. A gravación de todas as imaxes rexistradas polas cámaras e a súa conservación realizarase cumprindo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Ademais, o Concello esixe que o dispositivo teña un funcionamento eficaz durante as datas e horarios máis críticos do San Froilán, reforzando así os turnos da Policía Local. A contratación inclúe tamén un técnico especializado que se encargará da instalación e funcionamento do centro, garantindo unha coordinación efectiva.

O proceso de adxudicación deste centro de control móbil busca mellorar a capacidade de resposta da Policía Local, facendo das festas do San Froilán un evento seguro para todas e todos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/un-dispositivo-eficaz-e-con-vision-global-en-tempo-real-o-executivo-de-paula-alvarellos