Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Últimos días para participar no concurso do cartel anunciador do MMXVI Arde Lvcvs

Últimos días para participar no concurso do cartel anunciador do MMXVI Arde Lvcvs

Todos os interesados poden presentar os seus traballos ata o mércores na Casa da Xuventude. O gañador recibirá un premio de 1.000 euros

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xuventude
Luns, 22 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro mércores, 24 de febreiro, remata o prazo para participar no concurso de deseño gráfico para elixir o cartel do MMXVI Arde Lvcvs, que terá lugar do 16 ao 19 de xuño. Poderá concorrer toda a poboación, con traballos de formato A3 e técnica libre, que deberán ser presentados sobre soporte ríxido que facilite a súa exposición.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, animou a todos os interesados a presentar os seus deseños que deberán reflexar o espírito da festa Arde Lvcvs, facendo especial fincapé na reconstrución histórica. Os interesados presentarán os seus traballos na Casa da Xuventude, de xeito presencial de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30, ou ben por correo ordinario á rúa Xesús Bal e Gay s/n, 27002, Lugo.

Os deseños deberán ser presentados en sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha outra forma de identificación. Noutro sobre, que tamén levará escrito o lema, adxuntaranse os datos do autor. Nos carteis obrigatoriamente ten que figurar o seguinte: Arde Lvcvs MMXVI, Festa de Interese Turístico Galego, a páxina web www.ardelucus.com [1], as datas de celebración e os logotipos das redes sociais Facebook, Twitter, Instagram e YouTube.

Por quinto ano consecutivo, un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 1.000 euros.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o concurso do cartel do MMXVI Arde Lvcvs|Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ultimos-dias-para-participar-no-concurso-do-cartel-anunciador-do-mmxvi-arde-lvcvs

Ligazóns:
[1] http://www.ardelucus.com
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/220216_basadre-cartel-arde-lvcvs.mp3