Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Tres estudantes universitarios de Xapón traducen no Concello información turística de Lugo ao xaponés

Tres estudantes universitarios de Xapón traducen no Concello información turística de Lugo ao xaponés

Realizan prácticas en virtude do programa Vía Láctea, que promove o intercambio cultural entre universidades europeas e de Asia no campo das Humanidades

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo,
    • Información turística,
    • Formación
Xoves, 07 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Tres estudantes universitarios de Xapón traducen no Concello información turística de Lugo ao xaponés

Tres estudantes universitarios de Xapón comezaron este xoves a facer prácticas no Concello de Lugo traducindo información turística sobre a cidade ao idioma xaponés, que despois se poñerá a disposición dos visitantes nas oficinas de turismo. A iniciativa é froito do programa Vía Lácea, que promove o intercambio cultural entre universidades europeas e de Asia no campo das Humanidades.

Os estudantes que están a traballar no Concello dende hoxe e ata o día 20 de abril son Tamaki Kawagoshi, da poboación de Kagawa e estudante da Universidade de Aichi Provincial; Moe Yoneda, de Aichi e tamén do centro de Aichi Provincial, e Izuho Kasahara, de Niigata e alumno da Universidade de Kanazawa.

Os tres realizarán nas dependencias da casa consistorial traduccións de toda a información turística do municipio que figura na páxina web, sobre o Arde Lucus e o San Froilán e tamén das guías Lugo Monumental e Lugo Romano.

Tamaki Kawagoshi e Moe Yoneda mantiveron un encontro esta mañá coa Alcaldesa, Lara Méndez, quen lles desexou unha boa estancia na cidade e lles agradeceu o traballo que van a desenvolver, pois contribuirá a “facilitar información a visitantes dunha nacionalidade como a xaponesa, que cada vez veñen máis a Lugo e que nos interesa atraer, no marco do noso compromiso co impulso da actividade turística”.

No marco do programa Vía Láctea, os universitarios están dez semanas en Lugo e outras dez en Portugal.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/tres-estudantes-universitarios-de-xapon-traducen-no-concello-informacion-turistica-de-lugo-ao