Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Treixadura, Guadi Galego, Wöyza, Capercaillie e The Limboos súmanse ao cartel do San Froilán 2017

Treixadura, Guadi Galego, Wöyza, Capercaillie e The Limboos súmanse ao cartel do San Froilán 2017

Carmen Basadre anunciou hoxe estes cinco novos concertos, que encherán as festas de música galega tradicional e contemporánea, hip hop, ritmos de Escocia e rhythm & blues

Estas actuacións engádense ás xa confirmadas de Los Secretos o día 12, John Nemeth o día 7, Sés o día 8 e Rosa Cedrón o día 5

  • Tema
    • Cultura e Turismo
Xoves, 24 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este xoves cinco novos concertos para o programa das festas deste San Froilán 2017. Trátase das actuacións de Capercaillie o día 6 de outubro, e Treixadura, o día 11, ambos na Praza Horta do Seminario; Guadi Galego, o día 6, e The Limboos, pendente de pechar a data, ambos na Praza de Santa María, e Wöyza, o día 6, na Praza da Soidade.

As novas actuacións reforzan o selo galego das festas, achegando ademais distintos estilos. O grupo Treixadura constitúese dende 1990 cun espectáculo musical sorprendente. A música tradicional observada desde dúas concepcións ben arraigadas como son o canto e a gaita. A cantante Guadi Galego, que foi gaiteira, pianista e vocalista no grupo Berrogüetto, cuxa carreira en solitario iniciouse co álbum Benzón, que se publicou no ano 2009. E Wöyza, nada en Moaña, traerá o mellor do hip hop á cidade de Lugo.

A banda musical Capercaillie, fundada por Donald Shaw e Karem Matheson é, sen dúbida, a representación máis recoñecida da música tradicional escocesa, que con modernas técnicas de produción, soubo mesturar letras tradicionais con instrumentación electrónica moderna.

A banda musical The Limboos levou o seu Rhythm & Blues Exótico por media Europa cun gran espectáculo. O seu primeiro disco, Space Mambo, pillou por sorpresa a todo o mundo e as súas cancións e directos engancharon a todo tipo de público, sumando adeptos máis aló do circuíto rock and roll.

Estes concertos súmanse aos da cantautora galega Sés e a cantante e música Rosa Cedrón, que amenizarán o Domingo das Mozas, que este ano coincide o 8 de outubro, e o propio día de San Froilán, respectivamente. A mítica formación madrileña Los Secretos, galardoada coa medalla de ouro ás Belas Artes, actuará na Praza Horta do Seminario o día 12. Ademais, John Nemeth, a mellor voz de soul blues do mundo e un virtusoso da armónica, ofrecerá un concerto o día 7 na Praza de Santa María.

  • Carmen Basadre, sobre os novos concertos do San Froilán | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/treixadura-guadi-galego-woyza-capercaillie-e-limboos-sumanse-ao-cartel-do-san-froilan-2017

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/240817_novos_concertos_san_froilan_2017.mp3