Transición Ecolóxica adxudica por máis de 59.000 euros o novo servizo de control de pombas na cidade
A prestación realizarase durante tres anos, prorrogable por dous máis, cun importe anual de 11.916 euros, que suporá un total de máis de 59.000 euros para o vindeiro lustro.
O contrato incluirá censos anuais, mapas de diagnóstico e actuacións dirixidas ao control da poboación de pombas.
Mauricio Repetto, concelleiro en funcións, destacou que a prioridade é minimizar os danos en parques, edificios e outros espazos urbanos: “Buscamos asegurar espazos comúns en boas condicións, respectando sempre o benestar animal”.
- Tema
- Benestar social,
- Medio rural,
- Medio ambiente,
- Urbanismo

A área de Transición Ecolóxica vén de adxudicar o novo contrato para o control de pombas na cidade, cun importe anual de 11.916 euros (IVE incluído). O servizo, que terá unha duración inicial de tres anos e poderá prorrogarse por dous anos máis, suporá un investimento total de máis de 59.000 euros durante o vindeiro lustro.
Este contrato inclúe diversas melloras respecto ao servizo anterior, como a incorporación dun equipo especializado, composto por un licenciado en bioloxía, un veterinario e técnicos especializados en control de fauna. As tarefas previstas abarcan a realización dun censo inicial da poboación de pombas, a elaboración dun mapa de diagnóstico e a implantación de técnicas de captura en vivo complementadas por outras metodoloxías non cruentas e seguras tanto para as aves como para a cidadanía.
Entre as actuacións previstas, prestarase especial atención á detección e control de pombais urbanos. Estas localizacións serán estudadas e avaliadas para proceder ao seu peche ou á captura total das aves, garantindo que non supoñan un problema para os veciños. Ademais, o servizo realizará visitas periódicas e emitirá informes mensuais, que recollerán a evolución da poboación, a eficacia das medidas aplicadas e as memorias semanais das actuacións.
O novo servizo inclúe a realización dun censo poboacional anual, que permitirá analizar os datos recollidos para establecer comparacións entre campañas e identificar as zonas de maior densidade de exemplares. Este traballo tamén servirá para planificar mellor as actuacións e adaptar as medidas ao longo da duración do contrato. Ademais, os informes incluirán recomendacións específicas para mellorar a xestión en función das necesidades detectadas.
Mauricio Repetto, concelleiro en funcións de Transición Ecolóxica, subliñou que “a convivencia urbana require medidas que compatibilicen a protección do medio ambiente co mantemento de espazos públicos libres de problemas derivados dunha sobrepoboación de fauna. Con este contrato damos un paso firme para alcanzar ese equilibrio.”
Outro aspecto destacado é a implantación de sistemas innovadores de monitorización, que permitirán identificar zonas con maior densidade de exemplares e planificar actuacións estratéxicas. Estas ferramentas complementaranse coa formación continua do persoal implicado no proxecto, co obxectivo de garantir un servizo óptimo e adaptado ás necesidades de Lugo.
Tamén se contempla a aplicación de técnicas específicas para reducir o impacto nos espazos máis afectados, como zonas verdes, edificios históricos ou mobiliario urbano, utilizando métodos non invasivos e respectuosos coa normativa vixente. Estas actuacións garantirán unha mellora progresiva na calidade dos espazos públicos ao longo do contrato.
Con esta adxudicación, o Goberno local reafirma o seu compromiso cunha xestión eficaz e sostible, que compatibilice o control da fauna urbana coa protección do medio ambiente e a calidade de vida dos veciños e veciñas da cidade.
Audio
- O edil de Transición Ecolóxica, Mauricio Repetto, sobre o control de pombas | Descargar mp3 [1]
